Monforte de Lemos, 27 de decembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Equipo de Goberno ven de mellorar os equipamentos en 3 das súas instalacións deportivas municipais. Concretamente, as dos Campos municipais de fútbol da Pinguela e Luis Bodegas, así como no Pavillón Municipal da Pinguela. O investimento total para estes novos equipamentos foi de 53.228,67€.
“Con estes novos equipamentos, que substitúen a anteriores instalacións, que xa estaban deterioradas polo uso e o paso do tempo, estas tres instalacións deportivas municipais contan dende hoxe con ferramentas esenciais para o desenvolvemento de todo tipo de eventos deportivos, e tamén facilitará os adestramentos e competicións dos equipos monfortinos que habitualmente usan estas instalacións, así como as actividades dos centros educativos da cidade” destaca o Alcalde.
No caso dos campos de fútbol da Pinguela e Luis Bodegas, estes contan a partir de agora con vídeo pantallas de última xeración que substitúen aos marcadores tradicionais que estaban instalados anteriormente. No caso do campo da Pinguela instalouse unha vídeo pantalla de 8,6 m2, e no Luis Bodegas unha de 5 m2. O investimento neste caso foi de 42.178,14 €.
No Pavillón Municipal da Pinguela instalouse un novo sistema de son e megafonía que substitúe ao que estaba instalado ata o de agora, deteriorado polo uso e o paso do tempo. O investimento do Concello para renovalo foi de 11.050,53 €.
“Con estas novos equipamentos de última xeración” recordou o Alcalde, “que sen dúbida reforzarán os servizos que ofertamos nestas instalacións deportivas, dende o Equipo de Goberno seguimos a mellorar as infraestruturas deportivas da nosa cidade. Cabe recordar que nos pasados meses reformamos a instalación eléctrica do pavillón da Pinguela e instalamos un novo videomarcador deportivo dotado con tecnoloxía de última xeración e dotamos dunha nova iluminación e renovamos o terreo de xogo do Campo municipal de A Pinguela”.
José Tomé tamén subliñou que “actulmente estamos a renovar e mellorar os campos de céspede artificial do Luis Bodegas e do Calasancio, cun investimento que alcanza os 600.000€, e grazas a unha axuda do Consejo Superior de Deportes”.
Campos municipais de fútbol da Pinguela e Luis Bodegas
Estas dúas instalacións contan a partir de agora con vídeo pantallas de última xeración que substitúen aos marcadores tradicionais que estaban instalados anteriormente. No caso do campo da Pinguela instalouse unha vídeo pantalla de 8,6 m2, e no Luis Bodegas unha de 5 m2.
Estas vídeo pantallas poderán utilizarse como marcador deportivo, pantalla publicitaria ou como soporte audiovisual para calquera evento deportivo ou non deportivo que se celebre nas instalacións deportivas, o que lle da un valor engadido tanto ao campo municipal de fútbol da Pinguela como ao Luís Bodegas.
Ámbalas dúas pantallas, que só se diferencian polo tamaño, son pantallas de última xeración para uso en exteriores da marca Mondo, modelo “Smart Systems Outdoor”, que para a súa xestión dispoñen dun sistema de control composto por un ordenador e un software deportivo e multimedia.
Software deportivo Mondovideo Outdoor:
O software deportivo Mondovideo Outdoor e un software multideporte e multimedia deseñado por Mondo para a utilización da pantalla led como marcador electrónico deportivo.
A través deste software pódense crear, de xeito sinxelo, deseños e composicións propias para personalizar o aspecto do marcador así como xestionar a publicidade dos patrocinadores.
Software multimedia Mondoplayer:
O software multimedia Mondoplayer, deseñado por Mondo, é un reprodutor multimedia avanzado cuxas características e funcionalidades están adaptadas ás aplicacións máis comúns de uso das pantallas led. As súas características principais son:
- Posicionamento pixel a pixel da fiestra de saida do reprodutor.
- Reprodutor de vídeo, con escalado automático á resolución da videopantalla, sexa cal sexa a resolución do arquivo orixinal.
- Visualizador de imaxes con ecalado automático, independentemente da resolución orixinal.
- Creación e edición de subtítulos e texto en scroll.
- Captura e reescalado en tempo real de diferentes zonas da pantalla, de xeito que na pantalla led poderanse proxectar zonas dunha páxina web, presentacións de power point, documentos word, excel, etc.
- Creación e edición de listas de reprodución.
- Deseño de composicións complexas nas que o usuario divide a videopantalla en varias zonas funcionais, de modo que en cada unha delas se poden visualizar vídeos, listas de reprodución, capturas de pantalla, etc.
Ademais, cada unha das videopantallas conta cun sistema de comunicpación de datos por wireless, o que evita ter que empregar gran catidade de metros de cable para conectalas aos equipos de control, e cun sistema de control automático de brillo que permite á videopantalla adaptarse á intensidade da radiación solar permitindo así unha correcta visualización.
A empresa encargada de realizar os traballos de subministro e instalación das 2 videopantallas foi “Mondo Ibérica S.A.U.” e o custe total da inversión foi de 42.178,14 €
Pavillón Municipal da Pinguela
No Pavillón Municipal da Pinguela o Concello instalou un novo sistema de son e megafonía que substitúe ao que estaba instalado ata o de agora e que debido ao deterioro propio do uso e o paso do tempo non reproducía un son de calidade necesario para as actividades e eventos que teñen lugar na instalación.
Ademais da necesidade de contar cun sistema de megafonía solvente para dar apoio ás actividades e eventos deportivos que se celebran no pavillón, son varias as modalidades deportivas que requiren a música para a súa práctica, como é o caso da ximnasia rítmica e o taekwondo na modalidade de técnica.
Con esta nova inversión o pavillón conta a partir de agora cun sistema de son e megafonía de calidade que permitirá dar servizo con solvencia a calquera evento que ser organice así como crear unha experiencia agradable entre o publico asistente á hora de desfrutar dun evento deportivo no que a música é parte protagonista.
O equipamento instalado foi o seguinte:
- 4 altofalantes activos 12´´ JBL PRX812 W orientados cara a grada.
- 4 altofalantes activos 8´´ JBL IRX 108 BT orientados cara a pista.
- Sistema inalámbrico de microfonía Sennheiser EW 100 G4-ME2/835-S con transmisor, receptor e micrófono cun alcance de ata 100 metros.
A empresa encargada de realizar os traballos de subministro e instalación foi “Musicsoft S.L.” e o custe total da inversión foi de 11.050,53 €.