A primeira Tenente de Alcalde e a Subdelegada do Goberno en Lugo inauguran o novo CAISS de Monforte

Monforte de Lemos, 12 de decembro de 2023. A 1ª Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, inauguraron hoxe as novas instalacións do Centro de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) de Monforte de Lemos.

“Con estas obras de mellora o Goberno cumpre o compromiso feito aos veciños e veciñas das comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga, ofrecendo un mellor servizo ao público, nunhas instalacións máis confortables e mellor acondicionadas” destacou Isabel Rodríguez.

Así, Isabel Rodríguez e Gloria Prada, acompañadas polo director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, supervisaron o inicio da actividade no actual centro, no que o Goberno investiu para  a súa reforma 514.000 euros.

A Tenente de Alcalde agradeceu o investimento do Goberno “neste Centro de Atención e Información da Seguridade Social de Monforte, que da servizo a todo o sur da provincia de Lugo e que agora dispón de unhas instalacións modernas e adaptadas ás necesidades tanto de traballadores coma usuarios”.

Polas dependencias do CAISS de Monforte pasaron nos últimos dous anos preto de 20.000 persoas, que agora verán mellorada a atención cun “edificio diáfano, accesible e cunha superficie de 350 metros cadrados, con zonas de traballo e de espera do público redistribuídas, ademais de aumentar a luminosidade e a eficiencia enerxética do edificio”, na liña de traballo do Goberno de garantir o acceso á xestión das prestacións, un piar fundamental do Estado de Dereito.

“Esta é unha demostración máis do compromiso que mantén o Goberno de Pedro Sánchez con Lugo e a súa sensibilidade respecto das necesidades dos concellos da nosa provincia”, manifestou Isabel Rodríguez que sinalou a importancias das obras para “mellorar e fortalecer un servizo imprescindible para a cidadanía, máis necesario que nunca para desenvolver con éxito o incremento por parte do Executivo Central de prestacións tan importantes como as pensións e o Ingreso Mínimo Vital, que protexen ás clases medias e traballadoras da provincia”.

Por outro lado, a subdelegada tivo palabras de agradecemento para o Concello de Monforte de Lemos pola súa colaboración “permitindo, durante o tempo no que se fixeron as obras, que o CAISS puidese seguir prestando os seus servizos con total normalidade”. Así pois, dende o inicio dos traballos, no mes de xaneiro do pasado ano, o CAISS trasladouse ao Edificio Multiusos de titularidade municipal, a menos de 200 metros de distancia do actual centro, situado na rúa San Pedro.

 

Rehabilitación integral do edificio

Isabel Rodríguez lembrou que estas foron as primeiras actuacións de importancia que se realizaron no edificio desde a súa apertura, no ano 1990, que presentaba problemas de humidades e climatización, motivados polo mal estado do seu illamento “sendo necesario actuar rapidamente”. As obras, financiadas polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, consistiron na adaptación da distribución do espazo interior para garantir a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida, dotando ademais ao edificio de novas instalacións de envolvente e illamento térmico, carpintería, iluminación e climatización, mellorando a eficiencia enerxética do inmoble.

Grazas a estes traballos o novo local conta cunha zona de acceso, recepción e espera, un amplo espazo con cinco postos de atención ao público, unha sala de reunións e outra de autoxestión, “permitindo ofrecer unha atención personalizada e máis próxima ao cidadán, ademais de potenciar a calidade do servizo”, engadiu a subdelegada.

 

Servizo a máis de 55.000 persoas

A Seguridade Social dá servizo nas súas dependencias de Monforte de Lemos a unha poboación de máis de 55.000 persoas das comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga, atendidos, na actualidade, por 5 empregados públicos. Trátase do segundo centro en volume de atencións na provincia de Lugo, con 8.512 usuarios no 2021 e un total de 11.406 persoas no ano 2022. “Un reflexo da importancia que teñen estas novas instalacións para o sur da provincia de Lugo”, coincidiron en sinalar Rodríguez e Prada. Entre os temas que motivaron un maior número de consultas figuran, por esta orde, as prestacións de xubilación, incapacidade temporal e ingreso mínimo vital.

 

Rede de centros modernizados en toda a provincia

As actuacións de Monforte de Lemos súmanse ás realizadas na nova oficina que construíu a Seguridade Social en Viveiro, conseguindo, deste xeito, unha rede de centros modernizados en toda a provincia, composta por sete sedes comarcais que dan cobertura en todo o territorio provincial. Concretamente, están situadas en Lugo, Sarria, Monforte, Mondoñedo, Viveiro, Vilalba e Ribadeo.

Neste senso, a subdelegada lembrou que a provincia de Lugo é unha das que rexistra menor tempo de espera para a concesión de citas de toda España, e lembra que os usuarios dispoñen dun teléfono provincial, o 982 293 300 para a xestión de citas e atención personalizada por persoal especializado. Ademais de prestar atención presencial e telefónica a través do CAISS, no INSS pódense realizar trámites en liña, a través da páxina www.seg-social.es. Para iso, a persoa debe dispoñer dun certificado dixital (DNIe, Cl@ve permanente ou certificado da FNMT) ou ter declarado o seu móbil á Seguridade Social.