Publicadas as bases para as axudas que concede o Concello para a mellora da eficiencia enerxética de Monforte

Monforte de Lemos, 17 de xaneiro de 2023. O Boletín Oficial da Provincia de Lugo ven de publicar as bases e a convocatoria das “Axudas económicas do Concello de Monforte para mellorar a eficiencia enerxética nos fogares de persoas en situación de risco e/ou exclusión social durante o ano 2023.

Para o financiamento destas subvencións, dende o Concello destínase un crédito máximo de 20.000 euros, 5.000 euros máis que en 2022, “co obxectivo de apoiar ás familias do municipio de Monforte economicamente máis vulnerables e que presentan dificultades económicas para afrontar os gastos enerxéticos” destaca o Alcalde, José Tomé Roca.

Así, dende o Concello de Monforte de Lemos considerase necesario e convinte levar a cabo desenvolver esta medida de axudas específicas, que lles permitan ós veciños facer fronte ós gastos enerxéticos de xeito máis doado, coa finalidade de asegurar o acceso continuado á subministracións básicas de enerxía eléctrica, calefacción, auga quente sanitaria e de gas evitando o seu corte, tendo en conta o seu carácter esencial para previr situacións de risco de exclusión social.

O prazo para solicitar estas axudas permanecerá aberto ata o 22 de decembro de 2023.

 

Obxecto das axudas e persoas beneficiarias

O Concello de Monforte de Lemos pon en marcha esta liña de prestacións destinadas a paliar situacións transitorias de necesidade social relacionadas co pagamento de subministracións básicas de enerxía eléctrica, gas, gasoil calefacción e outras fontes de enerxía da vivenda, das persoas e/ou familias que se atopen nunha situación de vulnerabilidade social que teñan a súa residencia no ámbito municipal de Monforte de Lemos, coa finalidade de asegurar o acceso continuado destas subministracións básicas promovendo a mellora da eficiencia enerxética e reforzando os procesos de inclusión social.

Poderán solicitar esta axudas as persoas ou unidades de convivencia residentes no Concello de Monforte de Lemos que os servizos sociais valoren que se atopan en situación ou risco de exclusión social que cumpran os requisitos de acceso establecidos no punto 5º e as condicións reguladas nas bases destas axudas.

Considérase como situación de risco de exclusión social aquela provocada pola ausencia ou insuficiencia de recursos económicos para afrontar as necesidades básicas da unidade familiar e no seu caso a concorrencia doutros factores que ponderados polos servizos sociais comunitarios condicionen negativa e/ou gravemente a inclusión social.

Así mesmo, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que viven no mesmo domicilio. A determinación dos membros da unidade de convivencia realizarase atendendo á situación existente no momento da solicitude e tendo en conta os datos que figuren no padrón municipal.

Bases 2023

Anexo I Formulario datos bancarios 2023

Formulario solicitude 2023