O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, participaron dunha intensa axenda de eventos de promoción turística e cultural da cidade de Monforte e da Ribeira Sacra.
Neste ano, adquire relevancia para a cidade, os actos organizados pola Rede de Xuderías xa que Monforte ostenta a Capitalidade da Rede durante o ano 2023 con José Tomé como Presidente. Tal e como asegurou o mandatario “supón un reto enorme que afrontamos con ganas de seguir traballando para mellorar a Rede co compromiso de continuar co esforzo xa realizado durante estes anos”. José Tomé recalca “o prestixio da institución considerada como referente dentro e fora das nosas fronteiras da defensa e posta en valor do legado xudeu”.
Dentro das actividades de promoción da Rede, unha das máis relevantes é a presentación dun novo Portal Turístico traducido a tres idiomas: castelán, portugués e inglés que está orientado a buscar a difusión internacional. José Tomé, explicou en Fitur que “constitúe unha plataforma de gran utilidade para continuar a colaborar con outros países de ámbito internacional cos que xa temos relación na actualidade, e especialmente con Portugal que parece ter interese por crear a súa propia rede de cidades e pobos que tiveran presencia sefardí.”
José Tomé tamén recalcou a importancia que ten para Monforte formar parte desta Rede “de cidades tan diferentes en tamaño, costumes e cultura que están distribuídas por todo o territorio nacional e que supoñen para Monforte unha oportunidade de darse a coñecer e poñerse en valor coas actividades conxuntas da Rede”.
Consorcio de turismo de Ribeira Sacra
As actividades de promoción de Monforte completáronse cos eventos realizados polo Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra e pola Asociación do Camiño de Inverno.
O Consorcio exhibíase como escaparate turístico de calidade en Fitur coa presentación de “Manual de boas prácticas para visitantes”, unha nova líena de actuación na defensa da conservación do Patrimonio histórico-artístico da Ribeira Sacra e tal e como afirma José Tomé “da defensa da singularidade dos espazos naturais que foron determinantes para a súa declaración como Reserva da Biosfera”.
Apostila Tomé que “constitúen un legado cultural vivo que se completa coa riqueza patrimonial e cultural que o transforman nun conxunto de características únicas”.
Asociación do Camiño de Inverno
A Asociación do Camiño de Inverno adquiría protagonismo na intensa xornada de promoción turística, coa presentación de “Proxectos paso a paso”, un novo plan de divulgación do Patrimonio paisaxístico que se pode descubrir ó facer esta ruta xacobea na que se integran a Ribeira Sacra e Monforte.
Tal e como subraiou José Tomé “o estudio e divulgación do Camiño de Inverno, constitúe unha oportunidade única de poñer en valor os recursos históricos e culturais da cidade e unha nova plataforma para dar a coñecer ó mundo enteiro o conxunto histórico de Monforte”.
As intensas xornadas de traballo que se desenrolaron en Madrid perseguen tal e como explicou Tomé “ofertar Monforte e A Ribeira Sacra nunha plataforma turística das máis importantes a nivel internacional, como un destino turístico único capaz de conquistar os corazóns dos nosos visitantes, que como xa temos comprobado, vanse gratamente sorprendidos cando nos descobren”.