O Concello acolle a sinatura dun acordo da Deputación de Lugo con Renfe para poñer en marcha un tren turístico que promocione a Ribeira Sacra

- O Presidente da institución provincial e Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asinou  co presidente da entidade ferroviaria, Isaías Táboas, un acordo de colaboración para impulsar unha iniciativa “que reforza a estratexia da Deputación en favor dun turismo sostible, de calidade, de experiencias, que pon en valor o patrimonio e crea riqueza”

- Esta nova iniciativa “consistirá en traxectos que, aproveitando a chegada do AVE a Ourense, trasladarán aos viaxeiros ata Monforte, dende onde partirán rutas específicas, en autobús, a diversos puntos de interese, como monumentos, paraxes naturais, bodegas ou que enlazarán coas rutas fluviais en catamarán da Deputación”, explicou Tomé Roca

 

O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o presidente de Renfe Viajeros, Isaías Táboas Suárez, asinaron este venres na Sala de Xuntas do Concello un protocolo de intencións entre a institución provincial e a entidade ferroviaria co obxectivo de poñer en marcha un tren turístico para promocionar a Ribeira Sacra e o conxunto da provincia.

 

O mandatario provincial puxo en valor o acordo, que dará lugar a “unha nova iniciativa de promoción do territorio, que consistirá en traxectos que, aproveitando a chegada do AVE a Ourense, trasladarán aos viaxeiros ata Monforte, dende onde partirán rutas específicas, en autobús e con guías, a diversos puntos de interese, como monumentos, paraxes naturais, bodegas ou que, por exemplo, xeren sinerxías coas rutas fluviais en catamarán que ofrecemos desde a Deputación por polos canóns do Miño e do Sil”, explicou.

 

A institución provincial traballa “cunhas previsións económicas optimistas, no sentido de que este proxecto non terá custe” nin para a Deputación nin para Renfe, e será autosostible, tendo en conta que a Ribeira Sacra está de moda como destino, e o tren é un medio cada vez máis apreciado e valorado pola súa modernidade, a súa sostibilidade e a súa capacidade para facernos recorrer as paisaxes a un ritmo áxil, pero sen perder nin un só detalle.

 

O Presidente subliñou que este proxecto turístico “reforza dunha maneira moi importante a ampla estratexia que estamos desenvolvendo dende a Deputación neste ámbito, en permanente diálogo e colaboración coas asociacións profesionais do propio sector”. Neste sentido, incidiu en que a institución aposta por “un turismo sostible, de calidade, de experiencias, que pon en valor o noso patrimonio, que xera riqueza e emprego, sobre todo no rural e, polo tanto, contribúe a algo tan necesario como fixar poboación”.

 

Unha vez asinado hoxe o protocolo de intencións entre a Deputación de Lugo e Renfe, para a posta en marcha efectiva deste servizo será necesaria a elaboración e aprobación dun convenio de colaboración entre ambas institucións, no que se definirá a oferta concreta do tren turístico, as rutas a realizar e a tempada de funcionamento, que normalmente se estende entre os meses de primavera e outono.

 

Xunto aos presidentes da Deputación e de Renfe, no acto celebrado esta mañá participaron Gloria Prada Rodríguez, Primeira Tenente Alcalde do Concello de Monforte; José Luis Losada Fernández, Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos; José Luis Cachafeiro Vila, Director Xeral de Operacións de Renfe; Félix Martín Merino, Director de Desenvolvemento e Deseño de novos productos; e Javier Pérez López, representante institucional de Renfe.