Monforte de Lemos, 28 de marzo de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu este luns no Concello a Eduardo Iglesias, piloto monfortino de motos que participou na última edición do Rally Dakar, disputado en Arabia en xaneiro deste ano 2023 e que despois de tres anos consecutivos logrando rematar, tivo que abandonar por unha doble rotura de clavícula tendo que ser trasladado a España para a operación e posterior recuperación da que afortunadamente xa está restablecido. O deportista explicoulle ao Alcalde que xa se atopa preparando a próxima temporada e coa doble ilusión que en anos pasados.
Durante a recepción o rexedor aproveitou a ocasión para felicitar ó piloto monfortino “polos logros acadados no campeonato de Europa de Rallyes no que quedou subcampeón durante o ano 2022 e quixo darlle ánimos remarcando que hai que asumir os accidentes como posibilidades reais en este tipo de deportes. Tal e como aseguraba José Tomé, o importante é a rápida recuperación do deportista que se mostrou máis ilusionado que nunca na súa participación este ano e que quixo agradecer persoalmente ao rexedor, a súa preocupación pola lesión e recuperación, así como polo accidente sufrido.
Na visita, o piloto monfortino, acompañado por Jesús Veloso, membro do seu equipo, fíxolle entrega ó Alcalde dunha camiseta conmemorativa, unha placa, así como o dossier no que se recollen todos os aspectos da súa participación na última edición do Rally Dakar: fotografías, presencia nos medios de comunicación nacionais e internacionais, ou detalles técnicos, entre outros aspectos. Do mesmo xeito, o dossier recolle o proxecto para o que sería a quinta participación consecutiva neste rally, no ano 2024.
Cabe recordar que Eduardo Iglesias, no 2020 acadou o posto 94, no 2021 finalizou no posto 53 e no 2022 o posto 78 da xeral de motos. Ademais, foi o único piloto galego de motos que conseguiu rematar esta dura proba. De seguro, o piloto monfortino seguirá dando alegrías á afición que tras a súa recuperación xa está preparado para marchar a finais de abril a Marruecos e en maio a disputar a primeira carreira do campeonato de Europa en Grecia, na que ano pasado, quedou subcampeón.
O Concello de Monforte foi un dos patrocinadores destacados, xunto coa Deputación de Lugo, do piloto monfortino. Deste xeito, a imaxe da cidade e da provincia de Lugo estiveron presentes no uniforme e na moto do piloto, significando unha importante proxección internacional das mesmas, dada a repercusión que ten a que é a proba de motor máis importante do mundo, tanto en medios de comunicación nacionais e internacionais como nas diferentes canles dixitais e redes sociais.