- O martes, día 25 de abril, representouse a primeira obra teatral das cinco que participan este ano no Certame Municipal de Teatro de Monforte.
- O Colexio P. Ferroviario, inaugurou a programación coa obra titulada “Máxico mundo de Oz” no Salón de actos da Casa da Cultura con unha gran asistencia de público e unha representación que foi moi valorada polos asistentes.
- O Colexio CEIP A Gándara actuou onte, xoves, coa participación mais numerosa de alumnos desta edición e cunha obra de calidade tamén excepcional que amenizou ao público asistente que completou o aforo do salón de actos da Casa da Cultura.
Monforte de Lemos, 28 de abril de 2023. Este martes, comezou a desenvolverse o calendario de obras previstas dentro do Certame Municipal de Teatro que organiza o Concello de Monforte para os centros de ensino. Este ano van a participar, en total, 5 colexios da cidade do Cabe, con representacións aparte da que tivo lugar este martes, día 25 e que inaugurou o ciclo, onte día 27 coa representación da obra correspondente ao CEIP A Gándara e finalmente, están programadas actuacións para os días 28 de abril e 2 e 3 de maio.
A obra escenificada polo Colexio P. Ferroviario, resultou un éxito tanto pola asistencia de público, como pola calidade interpretativa dos alumnos e a orixinalidade e detalles do decorado, para cuia elaboración, resultou fundamental a implicación dos pais e nais dos rapaces. Os asistentes saíron encantados da representación e o centro educativo tamén quedou moi satisfeito do traballo realizado pola comunidade educativa dentro da que subliñaron o esforzo que fixeron as familias axudando nos preparativos da posta en escena.
A representada polo CEIP A Gándara, que se escenificou onte ás 8 da tarde, como é habitual, tivo asistencia masiva de público que encheu o aforo dispoñible no salón de actos da Casa da Cultura, e conseguiu a participación mais numerosa de alumnos desta edición. Baixo a dirección de Paqui Aveledo, os rapaces representaron as peripecias dunha compañía de teatro que facendo un bolo, vense obrigados a pechar e as consecuencias que se desencadean a partir deste feito. A calidade da actuación dos rapaces, tamén foi excepcional e o público estivo durante a hora que durou a representación, entretido e divertido, coas peripecias escenificadas polos alumnos de A Gándara.
O calendario previsto para o resto de representacións queda do modo seguinte:
- IES Río Cabe, coa obra “Auga”, o venres 28 de abril de 2023.
- CEIP de Monforte, coa obra “O mundo ó revés”, o martes 2 de maio de 2023.
- IES A Pinguela, coa obra “Ser máis relaxada”, o mércores 3 de maio de 2023.
Todas as obras se representarán ás 8 da tarde no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, tal e como é habitual .
Colaboración do Concello de Monforte co Certame
O Concello colaborará cos centros de ensino participantes aportando material para a realización da obra por unha cantidade máxima de 100 euros.
Os premios consistirán na gravación en DVD das obras representadas que serán entregadas ós centros participantes, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes.
A entrega de premios será no Salón de Actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o 10 de maio ás 18:00 h.
O Alcalde de Monforte invita a todos os monfortinos e monfortinas a desfrutar das representacións teatrais que os rapaces preparan con tanta ilusión e felicita á comunidade educativa polo esforzo que están a facer fomentando nos mais pequenos o gusto polo teatro e a cultura en xeral. “Nestas idades – tal e como apostillou José Tomé- todas as experiencias culturais que poidan desfrutar deixarán unha pegada que dará os seus froito cando sexan adultos, é fundamental, polo tanto, apoiar estas iniciativas dirixidas aos monfortinos mais novos”.