Monforte de Lemos, 6 de xullo de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa do inicio das obras de mellora do firme das rúas Fontecha e Tomás Vázquez, próximas á Zona C, enmarcadas dentro das actuacións que o Concello está a desenvolver en vías de titularidade municipal.
As actuacións enmárcanse dentro do proxecto de obras de mellora en 13 vías de urbanas e rurais que deu a coñecer hai unhas semanas o Alcalde, e que contan cun investimento total próximo ós 300.000€ (297.800,63 €.).
José Tomé Roca, destaca que “iniciamos así neste novo mandato o desenvolvemento dun ambicioso programa de mellora de infraestruturas viarias da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende o principio do meu mandato, e non esquecemos a ningunha parroquia, nin a ningún barrio de Monforte de Lemos”.
“Deste xeito” engadiu o Alcalde, “o Equipo de Goberno deste Concello segue a desenvolver actuacións para seguir mellorando Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai 8 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas”.
Melloras nas rúas Fontecha e Tomás Vázquez
As rúas Fontecha e Tomás Vázquez presentan un firme que aconsella unha actuación completa de renovación do mesmo, sendo necesario proceder ó fresado dos entronques iniciais e finais de ditas vías, previamente á colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente.
Nestas dúas rúas estase a proceder ó fresado do firme, ó barrido do firme nas zonas afectadas por medios mecánicos. O asfaltado do firme farase con aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cm de espesor e tamén se realizará o recalce das tapas de rexistro en calzada en dado de formigón.
Ademais nestas dúas rúas, procederase ó pintado de marcas viais incluídos símbolos e cebreados con pintura reflexiva e microesferas de vidro.
Trátase, polo tanto, dunha renovación completa do pavimento de máis de 300 metros lineais, concretamente, 105 m. na Rúa Tomás Vázquez e 201 m. na rúa Fontecha.
O orzamento total destinado a estas dúas actuacións case alcanza os 36.000 euros, concretamente os 35.840,41€, sendo destinados 13.699,42 € á rúa Tomás Vázquez e 22.140,99€ para a Rúa Fontecha.
O rexedor monfortino resalta que “isto supón a continuidade do desenvolvemento dun ambicioso programa de melloras de infraestruturas urbanas e da rede viaria da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas e que veño de renovar tras o respaldo acadado nas recentes eleccións municipais, e no que non esquecemos a ningunha parroquia, nin a ningún barrio de Monforte de Lemos.”