Monforte de Lemos, 24 de xullo de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, deu a coñecer hoxe o programa completo das Festas Patronais 2023, que se van celebrar do 11 ó 16 de agosto na cidade do Cabe.
“Unhas Festas Patronais que manteñen a esencia que tiveron nos últimos 8 anos, con 5 concertos principais na explanada da Compañía, todos eles acompañados de orquestras que farán un previo e un posterior peche das actuacións tratando de que o horario musical das festas co carácter xeral, se inicie ás 11 da noite e remate entorno ás 4 da madrugada” indicou o rexedor monfortino.
O Alcalde recordou que foi no mes de maio cando se anunciaron os concertos musicais das festas e sinalou que “estamos convencidos de que os concertos programados van ser capaces de encher o recinto das Festas, debido á calidade das actuacións e tamén debido ó variado dos estilos musicais”.
“Monforte volve a celebrar esas Festas Patronais por todo o alto, dando ese paso definitivo cara á normalidade que todos desexamos”, recalcou o rexedor municipal.
O inicio das Festas terá lugar o 11 de agosto coa lectura do Pregón, a cargo do maxistrado monfortino Edgar Amando Cloos Fernández. Tras o lanzamento do foguete e o encendido da iluminación artística, como é habitual, haberá unha actuación musical, pasando este ano da praza de España á praza da Compañía..
“Así que este ano, temos unha novidade para este primeiro día de Festas” subliñou o Alcalde, “xa que incluiremos un concerto principal na praza da Compañía, que será o de Lucía Pérez, ás 12 da noite”. E tras el, actuará o grupo monfortino Malenne, ás 2 da mañá. “Pero a praza de España non quedará valeira o día 11, xa que actuará a Banda de Acordeóns dos Xograres de Lemos”, concluíu.
PROGRAMA MUSICAL DAS FESTAS PATRONAIS
O Alcalde recordou o programa de actuacións musicais, que xa foran anunciadas no mes de maio, ás que se engade a actuación do día 10 na praza de España, que non fora anunciada no seu momento.
Ademais, engadiu que “novamente seguimos a apostar pola inclusión dos grupos monfortinos no noso programa de Festas, como poderán comprobar ó longo do mesmo, e tamén na programación do Verán Cultural”.
-Venres día 11 de agosto:
- 20:30 h.- Pregón, a cargo de Edgar Amando Cloos Fernández, na Casa do Concello
- 21:30 h.- Concerto da Banda de Acordeóns O Folión dos Xograres de Lemos, na Praza de España
- 00:00 h.- LUCÍA PÉREZ, na praza da Compañía
- 02:00 h.- Malenne, na praza da Compañía
-Sábado día 12:
- 23:00 h.- Orquestra de Saxos de Redondela, na praza de Esapaña
- 23:00 h.- Deloreans, na praza da Compañía
- 00:00 h.- MIKEL ERENTXUN, na praza da Compañía
- 01:30 h.- Gin Tonic’s, na praza da Compañía
-Domingo día 13:
- 22.30 h- Grupo América de Vigo, na praza da Compañía
- 23:00 h.- Orquestra de Música do Conservatorio Mestre Ibáñez do Concello de Monforte, na praza de España
- 00:00 h.- Orquestra PANORAMA, na praza da Compañía
- 02:00 h.- Grupo América de Vigo, na praza da Compañía
- 03:15 h.- Orquestra PANORAMA, na praza da Compañía
-Luns día 14:
- 23:00 h.- Gallaecia Big Band, na Praza de España
- 23:00 h.- Orquestra Galilea na praza da Compañía
- 00:00 h.- ANTONIO JOSÉ, na praza da Compañía
- 01:30 h.- Orquestra Galilea, na praza da Compañía
-Martes día 15:
- 20:30 h.- Mostra de danza e música tradicional, na praza de España
- 23:00 h.- Grupo Tekila, na praza da Compañía
- 00:00 h.- Fogos Artificiais dende San Vicente
- 00:30 h.- TANXUGUEIRAS, na praza da Compañía
- 02:00 h.- Grupo Tekila, na praza da Compañía
-Mércores día 16:
- 23:00 h.- Orquestra Ritmo Joven ,na praza da Compañía
- 00:00 h.- Fogos Artificiais de Auga dende o río Cabe
- 00:30 h.- LUZ CASAL, na praza da Compañía
- 02:00 h.- Orquestra Ritmo Joven na praza da Compañía
Tamén durante a celebración das Festas Patronais, terán lugar as actuacións, entre outros, o grupo Batucada Creativa, Os Xograres de Lemos, a e o grupo Batucada Baturruca, que amenizarán coas súas actuacións as tardes e noites das festas.
OUTROS EVENTOS DESTACADOS DO PROGRAMA DAS FESTAS
O martes 15, Día da Patroa, a Virxe de Montserrat, terá lugar na igrexa da Régoa, como ven sendo habitual estes últimos anos, debido a que a igrexa de San Vicente continúa pechada debido as actuacións de mellora que se están a facer no seu alumeado. A comitiva institucional encabezada polo Alcalde sairá do Campo de San Antonio ás 10:30 h. e a misa celebrarase ás 11 horas.
Neste senso, o Alcalde espera “que o próximo ano 2024 xa se poderán celebrar en San Vicente o Martes de Pascua e o 15 de agosto”.
Tamén ese martes 15 de agosto terá lugar o Día do Gaiteiro, no que alboradas de grupos de gaitas sairán pola mañá e percorrerán diferentes rúas da cidade.
Pola tarde, na Praza de España terá lugar a Mostra de Danza e Música Tradicional na praza de España. En ambos casos, a maioría de grupos de gaitas e de danza son de Monforte.
Pola noite, antes dos Fogos de San Vicente e as actuacións musicais, as Barcas tradicionais engalanadas farán un percorrido polo río Cabe, a partir das 23:30 h.
O Programa das Festas tamén inclúe a oitava edición do Festival Cómico Festivo “A Rúa é Vosa”, os días 12, 13, 14 e 16 de agosto, e terá como escenarios a Praza de España e a rúa Cardeal. O programa deste festival contará coa participación de 6 grupos, e os protagonistas serán a música, a maxia, as acrobacias aéreas, os paiasos, os monicreques, o mimo, o circo e a danza.
PROGRAMA DO VERÁN CULTURAL
“O programa de Festas Patronais que presentamos hoxe e que teñen vostedes aquí, recolle ademais un completo Programa Cultural do Verán, que se desenvolve nos meses de xullo, agosto e setembro no que, como lles indiquei ó inicio da miña intervención, teñen especial cabida os grupos e músicos monfortinos, nunha aposta decidida do Equipo de Goberno polos nosos artistas locais”, apuntou o rexedor monfortino.
O Alcalde destacou así as principais novidades do Verán Cultural:
Ciclo de Concertos de Grupos de Monforte
Este ciclo foi unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022, e “dado o éxito acadado, volvemos a incluílo na nosa programación de verán de 2023, apostando decididamente por darlle protagonismo á actuacións de grupos monfortinos”, indicou José Tomé.
Desenvolverase do 23 ó 30 de agosto en 3 ubicacións que son a Praza da Compañía, a Praza da Estación e a Praza de España. Os grupos protagonistas deste ciclo serán:
- O mércores 23 de agosto: Cero 2 Cero (22:30 h.) e Los Jinetes del Trópico (00:00 h.), na praza da Estación.
- O xoves 24 de agosto: Dinosaurios (22:30 h.) e Doc Magoo's (00:00 h.), na Praza da Compañía.
- O luns 28 de agosto: Dúo contrabaixo e voz- Gonzalo Herrero y Diana Tarín (22:30 h.) e Movilla y Los Irrepetibles (00:00 h.), na Praza da Compañía.
- O martes 29 de agosto: Galga Blues Band (22:30 h.) e The Poet`s Silence (00:00 h.) na Praza de España.
- E o mércores 30 de agosto: Bella Chaos (22:30 h.), Vera Lynn (23:45 h.) e El Tarot de Toth (01:00 h.), na Praza da Estación.
Gala Máxica Galega
O mércores 9 de agosto terá lugar esta gala de maxia, na praza de España, a partir das 22:30 h, coas actuacións do Mago Rafa, o Mago Iago e Edu El Mago.
Monforte Fusión
“Outro dos ciclos que foi novidade o pasado ano, e que repite este, é o que dende o Equipo de Goberno adicamos á música de fusión, no que a música lixeira, o jazz, o tango, o bolero, a bossa nova, o funky, o soft rock ou o swing son os estilos protagonistas” explicou o Alcalde.
Este ciclo terá lugar o sábado 29 de xullo na Praza de España cos grupos Javier Cherry Sweet e Kin García Quintet con Antia Muíño.
Ademais destas novidades, no programa de Verán Cultural non faltarán citas que xa son habituais nel como:
- Os Paseos en Barca polo Cabe, durante os meses de xullo, agosto e setembro.
- A Exposición de Carteis do XXVIII do Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais, do 7 ó 24 de agosto.
- A 23ª Mostra Artelemos, do 4 ó 9 de agosto.
- O Festival Carude Rock, o 4 de agosto.
- A Festa da Empanada de Ribasaltas, o 20 de agosto.
- A XXIV Feira do Libro de Monforte, do 23 ó 26 de agosto.
- O II Encontro de Palilleiras do Concello de Monforte, o XXII Festival de Habaneras e o Festival do Paradiso, os tres eventos o sábado 2 de setembro.
- A Xornada Europea da Cultura Xudía, o domingo 3 de setembro.
- E a Festa do San Mateo o xoves 21 de setembro, que pechará o Programa Cultural de Verán.
Unhas Festas Patronais e un Verán Cultural esenciais para a dinamización económica da cidade
Logo do relatorio das principais actividades sinaladas polo Alcalde para os meses de agosto e setembro, destacou que “por todo o exposto, creo que cumprimos co noso compromiso de seguir organizando cada ano unhas Festas Patronais e un Programa do Verán Cultural acordes co que merece a nosa cidade e tamén acorde co que necesita o noso tecido produtivo como é o comercio, a hostalería e todo o relacionado co mundo do turismo”.
“Porque”, continuou José Tomé, “tanto as Festas Patronais como o Programa de Verán son un revulsivo económico que permite que moitas pequenas empresas garantan a súa pervivencia pola actividade económica que desenvolven durante o verán, especialmente durante as Festas Patronais.”
Ademais, cabe recordar que todos os concertos e actividades tanto das Festas como do Verán Cultural son de carácter gratuíto, e inclúen unha gran variedade de estilos e propostas para todo tipo de públicos
O rexedor monfortino sinalou que “hoxe xa se fala das Festas de Monforte como un referente non só no sur da provincia, senón tamén en outras moitas zonas de Galicia, e de todo o Noroeste peninsular, e creo que co programa musical que as protagonizarán este ano, vas supor un rotundo éxito para o noso Concello. Por iso espero que sexan moitos os galegos e galegas que visiten Monforte atraídos pola calidade dos nosos concertos”.
“En resumo”, concluíu o Alcalde, “creo que o Programa que elaboramos para as nosas Festas Patronais deste ano 2023 e para o noso Verán Cultural, é un moi bon programa que pretende que as Festas Patronais sexan cada vez máis as festas de todos. As Festas de todos tamén se escenifican no alumeado, onde se van colocar 255 arcos en 64 rúas que abarcan todos os barrios da cidade, con 1 millón de luces LED”.
“Quero trasladarlle ós veciños e veciñas de Monforte e ás persoas que nos visitan, que teñan a certeza de que dende o Equipo de Goberno seguimos apostando pola variedade e pola calidade das nosas Festas, unha liña que iniciamos ao chegar eu a Alcaldía no ano 2015, e que recuperamos en 2022, con máis forza e impulso, tras o parón de motivado pola pandemia”.
José Tomé concluíu a súa intervención desexando a todos os monfortinos e monfortinas unhas felices Festas, e tamén a todos aqueles que visitan o Concello, e animounos a todos a participar e a disfrutar activamente nelas.
PROGRAMA: PROGRAMA FESTAS PATRONAIS MONFORTE 2023