O Alcalde e a Subdelegada do Goberno coordinan o dispositivo de seguridade para as vindeiras Festas Patronais de Monforte

Monforte de Lemos, 28 de xullo de 2023. A Sala de Xuntas do Concello de Monforte acolleu na mañá de hoxe a reunión ordinaria da Xunta Local de Seguridade. Á xuntanza asistiron o Alcalde, José Tomé Roca, a Subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez, que co-presidiron a xuntanza, e estiveron acompañados pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, así como os representantes dos distintos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado: representantes da Policía Nacional en Monforte, da Garda Civil, o representante da D.X. de Emerxencias, o representante da Policía Autonómica así como da Policía Municipal.

A xuntanza tivo por obxectivo analizar e organizar o dispositivo de seguridade con motivo das Festas Patronais da cidade, que darán comezo o venres 11 de agosto e que se estenderán ata o mércores 16, e para as que se prevé unha gran afluencia de persoas, especialmente no momento das actuacións musicais.

José Tomé e Isabel Rodríguez avanzaron que haberá presenza permanente dos Corpos e Forzas de Seguridade para a prevención, o control e a seguridade dos veciños e veciñas, así como dos numerosos visitantes que cheguen a Monforte neses días, co obxectivo de conseguir o mellor desenvolvemento destas festas populares, destacando o magnífico resultado que esta colaboración institucional supuxo nas celebracións de pasadas edicións.

 

Dispositivos de seguridade durante as Festas Patronais

A xuntanza abordou en primeiro lugar os diversos dispositivos de seguridade que o Concello de Monforte precisará para as Festas Patronais de Monforte. Con respecto ao dispositivo que se porá en marcha, a subdelegada e o Alcalde detallaron a elaboración dun plan coordinado, en colaboración da Policía Nacional e a Policía Local, que ten como fin velar pola tranquilidade da cidadanía, garantir a orde pública e poder dar unha resposta rápida e eficiente no caso de que se producise calquera incidente.

Polo que respecta á Garda Civil, efectivos da mesma prestarán a súa colaboración na periferia da cidade, así como nos seus principais puntos de acceso, coa finalidade de levar a cabo controles de velocidade, alcoholemia e outras substancias que alteran a correcta condución de vehículos.

Na seguridade das Festas Patronais tamén colaborará unha patrulla da Policía Autonómica que centrará o seu traballo na prevención do consumo excesivo de alcol nas zonas cunha maior presencia de persoas.

O Alcalde tamén sinalou que durante o transcurso das Festas Patronais o Concello contará coa colaboración do Consorcio de Bombeiros para previr calquera eventualidade relacionada con algún tipo de incendio, especialmente nos días en que se botarán os Fogos artificiais de San Vicente, o día 15, e os Fogos do Río, o día 16.

O Alcalde valorou positivamente o resultado da reunión e “sobre todo o espírito de colaboración e a implicación de todos os corpos e forzas de seguridade do Estado”. E tamén anunciou que nos vindeiros días, terá lugar a celebración dunha mesa técnica cos distintos representantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, para perfilar detalles de última hora da colaboración que se estableza respecto do dispositivo a despregar durante as Festas Patronais.

 

Boas cifras para Monforte nas taxas de criminalidade

Na xuntanza, José Tomé e Isabel Rodríguez tamén informaron a situación da seguridade cidadá en Monforte, e sobre a que destacaron o descenso do número de delitos no municipio, desde a última Xunta Local de Seguridade celebrada no mes de xullo do pasado ano, grazas ao traballo realizado pola Policía Nacional e Local.

En concreto, “a taxa de criminalidade en Monforte descendeu con respecto a anos anteriores, situándose nos últimos 12 meses no 12,49‰ (por mil), unha das máis baixas do Estado”, destacou o Alcalde.

Segundo datos oficiais facilitados pola Policía Nacional, durante este primeiro semestre de 2023 rexistráronse no concello de Monforte de Lemos 226 infraccións penais, das cales foron 114 delitos graves e menos graves, e 112 delitos leves.

Esta cifra supón que a delincuencia descendeu, con valores inferiores aos que se rexistraron no mesmo período de 2022, con 23 delitos menos. Isto supón unha diminución do 9,24% en relación co 2022, no que houbera 249 infraccións penais (das que 109 foran delitos graves e 140 leves).