Monforte de Lemos, 6 de agosto de 2023. O Alcalde informa aos monfortinos e monfortinas da posta en marcha dende este luns día 7 do dispositivo especial de tráfico que vai a levar a cabo a Policia Local de Monforte, co motivo da celebración das Festas Patronais entre os días 11 e 16 de agosto.
A Policia Local de Monforte, elaborou un amplo e completo dispositivo que regula tanto o tráfico da cidade como as zonas de aparcamento, para facilitar a circulación de vehículos durante os dias que se realicen os traballos de preparativos para as Festas Patronais, os días de celebración das mesmas e os días posteriores, nos que se realizan os traballos de desmontaxe das atraccións e palcos musicais.
Tal e como se desprende do informe da Policia Local, as actuacións en materia de tráfico que se levarán a cabo, son as seguintes:
Primeira. PECHE DO ESTACIONAMENTO DO PARQUE DOS CONDES.
Por ser necesario para albergar as principais barracas e atraccións das festas, procederáse ao peche do estacionamento no Parque dos Condes desde ás 23:00 horas do luns día 07 de agosto ata a completa desmontaxe das citadas instalacións, que previsiblemente será o venres 18 de agosto.
Como alternativa, ademáis de manter aberto o aparcamento existente na rúa Sarria, abrirarase ao público un solar sito en rúa Francisco Moure, pasando o paso a nivel, que estará dispoñible ata a finalización das festas e reapertura do anterior, e instalarase sinalización orientativa da súa ubicación.
Segunda. SUPRESIÓNS DO ESTACIONAMENTO.
Para permitir a montaxe das barracas e postos das festas, desde do mércores día 09 de agosto, incluido, ata a finalización das festas e desmontaxe das atraccións, suprimirase o estacionamento en rúa Compañía, pola marxe dereita no tramo frente a “As Casitas”, e en ambas marxes no resto ata o Paseo de Lugo.
Igualmente, desde o mércores 09 de agosto, incluido, suprimirase o estacionamento na marxe dos pares da rúa Dalmiro de la Valgoma, a cal permanecerá habilitada como vía de dobre sentido de circulación durante todos os días das festas.
Terceira. CORTES DE TRÁFICO.
Desde o día 11 ó 16 de agosto, ambos incluidos, desde ás 18:00 horas ata a finalización das actuacións, que se estiman aproximadamente ás 04:00 horas, o tráfico estará cortado na súa totalidade na rúa Compañía, así como no tramo de Escultor Francisco Moure que vai desde o seu inicio ata a confluencia coa rúa Sarria.
No tramo da rúa Compañía que vai desde a bifurcación ata o paseo de Lugo, o tráfico estará cortado ás 24 horas, permitíndose o paso pola mañá dos días laborables a residentes, e vehículos comerciais para carga e descarga.
Nese horario, o tráfico procedente do centro cidade será cortado na glorieta de Puente Fontecha e desviado por Roberto Baamonde – Av. Galicia – rúa Sarria/Celso Emilio Ferreiro e para acceder a Carud e A Pinguela seguirá por rúa Dalmiro de la Valgoma que estará en dobre sentido de circulación, e o que circule por rúa Escultor Francisco Moure será cortado a altura da rúa Sarria e desviarase por ésta e por Av. Galicia, ata rúa do Conde ou Roberto Baamonde.
O martes día 15 de agosto, o tráfico de subida ao conxunto monumental de San Vicente desde o Campo da Virxe estará cortado desde as 23:30 h. ata a finalización do lanzamento dos fogos artificiais, que se estima será sobre as 00:40 horas.
O mércores día 16 de agosto, desde as 23:00 h ata a finalización dos fogos do río, que se prevé sobre as 00:40 horas, estará cortado o tráfico en todo o Paseo do Malecón, así como na Ponte Vella e nas rúas de acceso a esta (Méndez Casal desde Campo de San Antonio) e Santa Clara desde o enlace con rúa Corredoira.
Igualmente, todas as datas das festas pecharase a rúa Duquesa de Alba entre ás 00:00 e as 08:00
Todos os horarios e datas son orientativos, podendo ser modificados en función das necesidades que xurdan durante a celebración das Festas Patronais. En todo caso, instalarase sempre a sinalización correspondente.
O Equipo de Goberno quere solicitar e agradecer a colaboración aos cidadáns que se poidan ver afectados polas medidas que se adoptarán durante os dias que dure o dispositivo de tráfico das Festas Patronais de Monforte.