A 9ª edición do Festival cómico festivo “A Rúa é Vosa” traerá unha chea de actividades para público familiar durante as Festas Patronais de Monforte

Monforte de Lemos, 11 de agosto de 2023. A novena edición do Festival cómico festivo “A Rúa é Vosavolverá a ser protagonista do programa das Festas Patronais de Monforte, en concreto durante os días 12, 13, 14 e 16 de agosto.

Destinado a un público infantil e familiar, son actividades de rúa de carácter gratuíto, que encherán de espectáculos de música, maxia, acrobacias aéreas, paiasos, monicreques, mimo, circo e danza a Praza de España e a rúa do Cardeal.

 

Sábado 12 de agosto

-Actuacións de ARA Andrea Ríos: Acrobacias aéreas e danza.

13:00 h.- Na praza de España ARA realizará un espectáculo de circo contemporáneo que fusiona as linguaxes do teatro e da danza xunto coas técnicas de acrobacia aérea (multicordas e suspensión capilar). Neste espectáculo, para todos os públicos, combínanse diferentes técnicas artísticas como teatro xestual, danza e acrobacias aéreas.

19:30 h.- De novo ARA na praza de España faranos gozar cunha experiencia sensorial entre a forza feminina, o voo e a poesía do movemento.

 

Domingo 13 de agosto

-Actuacións de Lola Mento: Maxia e comedia.

12:00 h.- Na rúa do Cardeal teremos nesta mañá maxia e comedia coa compañía Lola Mento co seu espectáculo Lolamentado, espectáculo "polipatético" de maxia, humor e improvisación para todos os públicos.

20:00 h.- Na praza de España terá lugar a segunda das actuacións de Lola Mento, maga, actriz e show woman poli patética que utiliza a súa comicidade e a súa pouca vergoña para unha comunicación potente e directa co público, sempre diferente e única.

 

-Actuacións de Pepes Show: Clown, monicreques e acrobacias.

13:00 h.- Na praza de España Pepes Show representará o seu espectáculo  Surprise. Unha caixa misteriosa chea de sorpresas está a punto de estourar liberando dúas particulares personaxes, as cales aproveitarán este peculiar suceso para enredar co público e facelo partícipe das máis divertidas e aloucadas situacións.

19:00 h.- Pepes Show deleitaranos de novo na praza de España coa representación do seu espectáculo Surprise.

 

Luns 14 de agosto

-Actuacións de Barafunda: Globoflexia e clown.

13:00 h.- Na praza de España a compañía Barafunda representará o seu espectáculo Lolo Globotolo que fará as delicias dos máis pequenos e sorprenderá ós máis grandes. Figuras imposibles con globos darán lugar aos gags máis divertidos.

20:00 h.- Na praza de España Barafunda porá en escena un espectáculo dende unha perspectiva cómica e interactiva en que o público se sentirá parte integrante. Este espectáculo é todo un divertimento familiar, cunha posta en escena onde a ilusión do clown se mestura nun cóctel de risa e gargalladas.

 

Mércores 16 de agosto

-Actuacións de O Mago Paco: Maxia e clown.

12:00 h.- Na rúa do Cardeal teremos nesta mañá maxia e clown con O mago Paco e o seu espectáculo Ledicias 2.0. Xogos, participación e moito humor sorprenderán tanto a nenos e nenas como a maiores co seu peculiar estilo.

19:00 h.- Na rúa do Cardeal terá lugar a segunda das actuacións de o Mago Paco. Maxia divertida e participativa son as premisas desta nova adaptación que está pensada para que as familias poidan gozar dun momento único e que lembrarán por moito tempo. Mergúllate no mundo máxico da ilusión e da fantasía e volve divertirte coma un neno.

 

-Actuacións de N+1: Maxia e clown.

13:00 h.- Na praza de España a compañía N+1 representará Cuacuac. Ser diferente aos demais non debe ser motivo de vergoña e moito menos un impedimento para alcanzar os nosos obxectivos. Cando estas diverxencias se instalan tinguidas pola intransixencia convértense en cargas e xorde unha gran dificultade e para identificalas, para identificarnos.

20:00 h.- Na praza de España volverá a actuar N+1. Un paiaso, torpe e caótico, presenta mediante a danza, a manipulación de obxectos malabares e a acrobacia aérea unha personaxe con grandes dificultades para facer o que se espera dela. No desenvolvemento da actuación navegará xunto aos espectadores por un mar de emocións soltando amarras, onde as súas debilidades se transforman en fortalezas.