Monforte de Lemos, 14 de agosto de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ben de aprobar as axudas destinadas ás familias de Monforte para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2023/2024.
“En previsión do aumento da demanda deste tipo de axudas, dende o Equipo de Goberno decidimos incrementar en algo máis de 5.000 euros as axudas no ano 2022, alcanzando os 25.000 euros, importe que mantemos neste ano 2023”, destacou o rexedor monfortino.
Así, as solicitudes resoltas favorablemente neste ano 2023 son de 182, un número moi similar ó de 2022 (192). Tras a resolución de concesión da axuda económica,as contías serán aboadas mediante a entrega dun vale.
Deste xeito, o Alcalde mantén o seu compromiso co investimento en política social, sendo así sensible ás necesidades das familias, compromiso que se traduce nos 25.000 euros destinados en 2023 a estas axudas, co fin de atender a todas as solicitudes presentadas, e non deixar atrás a ningunha familia que o necesite.
As axudas teñen como finalidade apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar os gastos que supoñen a adquisición de material escolar e libros, ante o inicio do curso escolar o vindeiro mes de setembro.
Estas axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario están destinadas ó alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2023/2024 en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.
Recollida de vales e requisitos
Os vales axuda poderán ser recollidos dende hoxe luns 14 de agosto na Secretaría do centro de Servizos Sociais do Concello emprazada no primeiro andar do centro Cívico Social (Paseo Malecón s/n).
A data límite para a súa recollida será o 14 de setembro e a data de caducidade dos vales será ata o 20 de outubro de 2023. No caso de non retirar o vale no prazo establecido entenderase existe unha renuncia tácita e procederase a anular o vale. Do mesmo xeito, anularanse os vales cando se presente a renuncia expresa.
O importe destas axudas vai dende os 73 euros ata os 345 euros, dependendo do número de fillos ou fillas por familia e do curso que estuden.
No caso do alumnado pendente de matrícula en setembro a entrega do vale estará condicionada á presentación do certificado de matriculación no curso 2023/24.
Unha vez que a persoa solicitante este en posesión do vale, poderá adquirir os libros e material escolar en calquera librería do municipio de Monforte de Lemos, a súa libre escolla e polo importe máximo que figura no documento.
Se o importe do material escolar adquirido é inferior ó valor do vale, o persoal do establecemento deberá establecelo na factura correspondente ó interesado que emitirá o concello de Monforte de Lemos facendo constar o número de vales e o importe realmente gastado, perdendo a persoa beneficiaria a diferenza; se o importe fose superior ó do vale, o persoal do establecemento emitirá a factura polo importe do vale e a diferenza será facturada á persoa solicitante. O Concello soamente asumirá a contía establecida no vale.
Os vales non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe de cada vale só pode ser utilizado nun único establecemento.
Unha vez entregado o material escolar a persoa solicitante entregará o vale asinado ó establecemento que quedará en posesión do mesmo, autorizando a persoa beneficiaria da axuda á cesión do cobro desta ó establecemento autorizado.
En caso de extravío do vale tanto pola persoa beneficiaria coma por libraría non expedirán un novo vale.
CONSULTA A RESOLUCIÓN DAS AXUDAS EN:
Listado Resolución Axudas Material Escolar Concello de Monforte 2023