O Alcalde inaugura en Monforte a xuntanza de palilleiras máis multitudinaria da provincia de Lugo, con 400 participantes provintes de toda Galicia e Madrid

Monforte de Lemos, 2 de setembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi o encargado de inaugurar na mañá de hoxe o “II Encontro de Palilleiras de Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra”, ubicado na na explanada da Compañía.

No acto inaugural, o Alcalde estivo acompañado pola presidenta da Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra, Sesé Vila, pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e diversos membros do Equipo de Goberno municipal. O Concello organizou esta xuntanza en colaboración con dita asociación de palilleiras monfortina.

Na súa intervención, José Tomé deu á benvida ás 400 palilleiras, procedentes de 30 asociacións, vidas de todos os puntos de Galicia e Madrid, así como ós comerciantes especializados, provintes de distintos puntos de Galicia, e doutras comunidades, que conforman a zona de venta deste encontro, e que ofrecen exclusivamente produtos para palillar.

O Alcalde, aclarou que “en Monforte, na rúa do Cardenal, xa se teñen celebrado encontros de palilleiras máis reducidos, pero foron o xerme para que esta sexa a primeira vez que a cidade de Monforte acolle unha gran xuntanza de palilleiras, e para nós é un pracer que todas vostedes poidan amosar a súa arte ós nosos veciños e veciñas, así como as persoas que nos visitan”.

A organización desta gran xuntanza de palilleiras foi unha idea que xurdiu entre o Concello de Monforte e a Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra, e que estaba previsto celebrar no ano 2020. Daquelas, estaba practicamente todo ultimado para que se levara a cabo este encontro, pero a incidencia da pandemia impediuno, e obrigou a pospoñelo ata o pasado ano 2022 en que finalmente si puido ser celebrado, e que supuxo todo un éxito tanto de participación de palilleiras como de público asistente.

O Alcalde resaltou que o obxectivo perseguido coa organización deste Encontro “é amosar e por en valor a arte de palillar” e engadiu que “cremos que Monforte é o sitio idóneo, dentro do interior de Galicia e no sur da provincia de Lugo, para celebrar un gran evento coma este, tendo en conta a repercusión mediática que ten Monforte de Lemos, como capital da Ribeira Sacra, e a propia Ribeira Sacra, dentro e fora de Galicia”.

Neste senso, o rexedor municipal resaltou o  importante impacto económico e de promoción turística que o evento xerará no Concello e na Ribeira Sacra, “evento que dinamizará sen dúbida sectores coma o noso comercio ou a nosa hostalería. Ó turismo, en definitiva.”

José Tomé aproveitou a ocasión para animar ás participantes a coñecer Monforte e a Ribeira Sacra, enunciándolles no seu discurso os principais atractivos turísticos desta zona, pois “son actualmente un dos destinos turísticos máis solicitados da nosa Comunidade, que están de moda, e como digo eu sempre que, son un anaco do Paraíso no interior de Galicia.”

O rexedor monfortino concluíu a súa intervención animando ás palilleiras a participar nunha vindeira edición deste Encontro en Monforte, en 2024.

A continuación da intervención do Alcalde, tivo lugar a actuación do Grupo de Gaitas e do Grupo de Danza do Concello de Monforte, co obxectivo de darlles ás participantes a benvida ó Encontro e á Cidade. E tras esta actuación o rexedor monfortino e a primeira Tenente de Alcalde fixeron entrega dun agasallo institucional ás mestras palilleiras presentes na mostra, que este ano son 33.

Do mesmo xeito, dende a Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra tamén se levou a cabo a elaboración dun detalle conmemorativo do encontro, que inclúe un encaixe de cores, que será entregado a cada participante ó longo do día.

As localidades galegas de procedencia das palilleiras protagonistas deste encontro son Arteixo, Vigo, Lugo, Ourense, Boiro, Betanzos, Oleiros, A Coruña, Sarria, Silleda, Valga, Cambados, Vilanova de Arousa, Viveiro, Burela, Xove, Redondela, Vimianzo ou Camariñas, así como de Monforte de Lemos. Tamén virán palilleiras provintes de Madrid.

 

O PROGRAMA do sábado día 2 de setembro é o seguinte:

Explanada da Compañía de Monforte:

10:30 h.- Recepción das palilleiras

11:00-14:00 h.- Palillada

12:00 h.- Inauguración da xuntanza de palilleiras a cargo do Sr. Alcalde de Monforte. A continuación, actuación do Grupo de Gaitas e do Grupo de Danza do Concello de Monforte, e entrega de agasallos institucionais ás mestras palilleiras.

14:00 h.- Xantar

16:30 h.- Palillada

17:00 h.- Sorteo de agasallos

19:00 h.- Despedida