Monforte de Lemos, 6 de setembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polos Concelleiros de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luis Losada, e de Deportes, José Manuel Mougán, supervisou na mañá de hoxe a evolución das obras de reforma do Pavillón municipal da Pinguela.
Na visita, José Tomé destacou que “algo máis de 120 días despois do inicio das obras, e con máis dun 70% da obra executada, xa se pode apreciar cal vai a ser a nova imaxe da instalación deportiva. Unha imaxe actual e moderna, na que se reordenan os espazos que permiten crear un novo ximnasio e almacén na planta baixa e aumentar a zona destinada a despachos en 85 m2”.
Cabe recordar que o pasado 2 de maio, o Alcalde anunciaba o comezo das obras de reforma do Pavillón Municipal da Pinguela, “obras que supoñen unha reforma integral da instalación e que van dotar a Monforte dun pavillón polideportivo, seguro, moderno, amplo e que vai a dar resposta ás necesidades da cidade en materia deportiva”.
José Tomé tamén subliñou que “estamos cumprindo os prazos de execución da obra, que está previsto remate a finais do mes de setembro, dando cumprimento así coas esixencias para poder ser beneficiarios da subvención concedida polo Consello Superior de Deportes, que establece que as obras deberán estar finalizadas antes do 30 de setembro de 2023”.
A adxudicación desta importante obra fíxose por un importe de 3.708.051,62€, o que supuxo un baixa do 3,10% (118.627,03€) con respecto ó presuposto base de licitación. Foi adxudicada no mes de marzo á UTE Construcciones Castro Figueiró S.L.U.-Xestión Ambiental de Contratas S.L.
A financiación da obra é compartida polo Consello Superior de Deportes, que aportou o 53,52% do orzamento (1.984.462,24€) e o Concello de Monforte que aportou o 46,48% restante (1.723.589,38€).
Mellora integral do Pavillón da Pinguela
A financiación a cargo do Consello Superior de Deportes para a obra do Pavillón da Pinguela, acadouse grazas ás xestións feitas polo Alcalde e que deron como resultado que Monforte fora escollido como un dos 55 proxectos, entre 238 entidades solicitantes, que acadaron unha subvención destas características.
Neste senso, un dos aspectos polos que máis puntuación se concedía na valoración dos proxectos presentados era a eficiencia enerxética que se conseguiría unha vez realizadas as obras. No caso das obras de reforma do Pavillón da Pinguela suporán unha mellora na eficiencia enerxética do edificio que permitira pasar dunha cualificación enerxética E a una cualificación enerxética B, en canto a consumo de enerxía primaria non renovable, e dunha cualificación enerxética F a unha cualificación enerxética A, en canto a emisións de CO2.
O novo pavillón contará cunha imaxe actual e moderna, na que se reordenan os espazos que permiten crear un novo ximnasio e almacén na planta baixa e aumentar a zona destinada a despachos en 85 m2.
Na planta superior a instalación contará con gradas arredor da pista deportiva, para o que se amplía a grada actual e se constrúen novas gradas no lado oeste e nas dúas cabeceiras, norte sur. Isto permitirá pasar dun aforo de 465 persoas, da antiga instalación, a 1.198 localidades, o que permitirá a organización de competicións de máis alto nivel.
O resto de espazos, pista deportiva, vestíbulo, vestiarios, aseos, etc. van ser totalmente novos.
O exterior do edificio tamén vai a lucir unha nova imaxe, xa que se van a urbanizar un total de 1.400 m2 arredor do pavillón humanizando así todo o perímetro da instalación.
Sinalou o Alcalde que co avance destas obras segundo o previsto “estamos a cumprir o obxectivo marcado por este Equipo de Goberno, que é dotar a Monforte de Lemos dun polideportivo municipal cómodo, seguro e amplo que poida dar resposta ás necesidades da cidade, en definitiva mellorar a vida dos monfortinos proporcionándolles os mellores servizos. Imos conseguir unha maior comodidade da gradaría, melloras nos aseos e vestiarios, amplíanse as zonas de almacén e de despachos, mellórase en accesibilidade e seguridade, pero sobre todo, auméntase considerablemente o aforo do pavillón, permitindo que se realicen nel competicións ó mais alto nivel”.
Tal e como explicou o rexedor cando presentou o proxecto, “practicamente estamos a falar dun novo polideportivo dado que solo se vai conservar parte da estrutura e todo o demais, vaise a facer de novo; non solo será novo por dentro, tamén por fora xa que se vai a recubrir dunha capa envolvente que lle proporcionará un acabado espectacular”.
Actuacións que se están a realizar
Na planta baixa vanse reordenar os espazos, para crear un novo ximnasio, unha zona de almacén e ampliar a actual zoa de despachos. Ademais a escaleira vai a ser substituída por unha nova que libere espazo na zoa de recepción.
Na planta superior, que é onde se centra o máis importante da reforma, vaise aumentar o número de gradas para conseguir un aforo acorde ó alto nivel das competicións disputadas, de tal modo que a grada que hai na actualidade amplíase con catro filas máis de gradas, dúas na parte superior e outras dúas na parte inferior e deixando espazos para prazas de persoas con mobilidade reducida.
Ó mesmo tempo, vanse crear tres gradas máis, tanto no lado oeste, como nas dúas cabeceiras, voando cara ó exterior para mellorar a visibilidade dentro do pavillón e que lle vai conferir unha nova imaxe actual e atractiva.
O aumento tanto en número de gradas, como a ampliación da que existe actualmente, permite aumentar o aforo das instalacións en máis do dobre con respecto á actualidade, neste momento temos un aforo de 465 persoas e unha vez rematada a obra estaremos a falar dun total de 1.198 localidades. Isto permitirá celebrar competicións ó mais alto nivel.
A sede de oficinas e locais amplíase en 85 m2 máis e dótase dun novo espazo para ximnasio, que actualmente non hai, para que os clubs completen a súa preparación e que terá unha superficie de 131m2.
Renovaranse totalmente os vestiarios, contando con 6 espazos, incluíndo un específico para persoas con mobilidade reducida. Tamén se fará de novo o teito e illado para humidades e temperatura. Hai que subliñar que unha das partidas mais importantes de toda a reforma correspóndese co epígrafe de climatización. Con este esforzo de inversión preténdese que sexa máis confortable, máis eficiente e respectuoso co Medio Ambiente. O alumeado será de luces LED de baixo consumo.
En canto ó resultado exterior, trala reforma, a fachada actual e os novos volumes, vanse revestir a base de SATE con un zócalo pétreo hasta a altura das ventás e o acceso ó pavillón marcarase mediante un pórche para relacionalo coa piscina anexa.
Por outra banda, as zonas redondeadas que completan a fachada, aportaranlle modernidade e actualidade á imaxe do edificio.