Monforte de Lemos, 19 de setembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que o 1 de outubro do presente ano 2023, iniciarán oficialmente o seu funcionamento as cámaras que o Concello instalou en diversas zonas e rúas peonís da cidade, co obxectivo de velar polo axeitado acceso dos vehículos a ditas vías peonís.
Do mesmo xeito, durante a actual semana e a semana que ven, as cámaras de videovixilancia están operativas en modo de adaptación e probas, co obxectivo de que o mencionado 1 de outubro estean plenamente operativas e en funcionamento.
Deste xeito, o Concello instalou 18 cámaras, situadas en zonas peonís, “co obxectivo de que a Policía Local poida monitorizar o tráfico e detectar posibles infraccións, especialmente daqueles vehículos que acceden a estas zonas sen a correspondente autorización”, destaca o Alcalde.
O Equipo de Goberno habilitou unha sala nas dependecias da policía municipal, e instalou, nas pasadas semanas, as correspondentes sinais verticais de tráfico nas que se advirte a prohibición de transitar, estacionar ou pararse a aqueles vehículos non autorizados.
As rúas nas que se instalaron estas cámaras de control de acceso a zonas peonís son:
• Rúa Abelardo Baanante
• Rúa Armando Cotarelo
• Rúa Comercio
• Rúa Dr. Teijeiro
• Plaza de Abastos
• Avenida de Galicia (na súa zona peonil)
• Rúa Manuel Hermida Balado
• Rúa do Cardenal