O Alcalde foi homenaxeado onte polo Club Calasancio, “polo seu enorme esforzo e empeño en renovar as instalacións deportivas e o campo do Club”

Monforte de Lemos, 19 de setembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi homenaxeado na tarde de hoxe polo Club Calasancio. O seu presidente, Juan Carlos Díaz, fixo entrega ó rexedor monfortino dunha réplica dos Escolapios,  en agradecemento pola axuda institucional e a implicación do mandatario municipal co Club nos últimos anos, “por ser parte fundamental como Alcalde, das importantes melloras realizadas nas instalacións deportivas do Calasancio”.

Do mesmo xeito, o Club Calasancio destacou nesta homenaxe “que o Alcalde, José Tomé Roca, é sempre receptivo ás nosas necesidades, e é o principal artífice das importantes melloras realizadas nas nosas instalacións deportivas”.

Precisamente, o acto de homenaxe ó Alcalde tivo lugar no campo de fútbol do citado clube, cuxo terreo de xogo foi mellorado sensiblemente o pasado ano polo Concello de Monforte, a través dun importante proxecto que supuxo a substitución do céspede do campo sintético do Colexio dos Escolapios, por un novo céspede de nova xeración, cun investimento de arredor de 190.000€, que foi axuda canalizada a través do Consejo Superior de Deportes, logo das xestións levadas a cabo polo Alcalde.

Ademais do proxecto referido de instalación de céspede de última xeración no campo do Calasancio, o Concello tamén colaborou en melloras como a construción de vestiarios no pavillón do Colexio, e concedeu axudas económicas que, en catro anos  duplicaron as que percibían ata 2015.

Neste senso, o Alcalde recordou que nos últimos anos, o Concello leva investido máis de 700.000€ en mellorar os campos de fútbol de Monforte (o do Calasancio, os dos Luis Bodegas, e o da Pinguela), e tamén destacou o investimento na mellora integral do Pavillón da Pinguela,  con máis de 3,7M€ de investimento, unha obra que está a piques de finalizar.

O Concello tamén colabora co Calasancio nos diferentes torneos organizados polo Club, así como no Campus que organiza co Deportivo da Coruña cada verán.

Posta de largo das diferentes categorías do Club Calasancio

O acto tamén serviu para que se presentaran as diferentes categorías do Club Calasancio, acto no que ademais do Alcalde e o presidente do Club, tamé participaron a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, José Luís Losada Fernández.

Na posta de largo do Club Calasancio, foron presentados 18 equipos, incluíndo un de alevíns de nenas, e os correspondentes equipos de prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís.