O Alcalde anuncia unha nova ampliación do Polígono do Reboredo, que incorporará 28,7 hectáreas máis, e superará os 800.000 m2

Monforte de Lemos, 20 de setembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a Xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo,  informaron na mañá de hoxe en rolda de prensa ante os medios de comunicación, dunha importante nova que supón un paso máis na folla de ruta de melloras que o Alcalde e seu Equipo de Goberno do Concello están levando a cabo no Polígono Industrial do Reboredo.

Trátase dunha nova ampliación do Polígono industrial do Reboredo, que correrá a cargo do SEA, e que da resposta á solicitude de ampliación que o Concello fixo a SEA, o 10 de maio de 2021, “para cubrir a demanda actual de chan empresarial, e ó mesmo tempo, proxectalo cara o futuro” explicou o Alcalde, xa que o Polígono non dispón actualmente de parcelas dispoñibles para venta, e dado que hai empresas interesadas en instalarse no mesmo.

O Alcalde salientou que “esta petición tivo unha resposta positiva por parte de SEA e do SEPES, e a rolda de prensa de hoxe, serve para dar a coñecer os detalles iniciais da tramitación desta nova ampliación do Polígono do Reboredo”.  Por iso, o mandatario municipal agradeceu a colaboración do Goberno de España neste proxecto, concretamente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

“Hoxe é outro día histórico para o Polígono, un paso máis na folla de ruta de melloras que dende este Equipo de Goberno estamos levando a cabo no Polígono Industrial do Reboredo, cuxa promoción e mellora é un dos piares da miña acción de goberno, dende que cheguei á Alcaldía”, destacou o rexedor monfortino.

Na rolda de prensa, á que seguiu unha visita ó polígono do Reboredo, tamén estiveron presentes a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, así como a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada.

 

O Polígono do Reboredo alcanzará os 823.000 m2 en dúas importantes ampliacións

A ampliación anunciada hoxe suporá incrementar o Polígono do Reboredo en 28,7 hectáreas máis (287.400 m2), que é un 77,54% da superficie actual (370.600 m2).

José Tomé tamén recordou que o “o pasado 26 de agosto, dende o Concello informamos doutra ampliación deste polígono, que foi  posible gracias á cesión gratuíta que a Deputación de Lugo levou a cabo de parcelas adquiridas no seu día para que se implantase Pacadar”. Esta ampliación, que se levará a cabo pola parte noroeste, supón que a actual superficie do Polígono incrementarase en 16,5 hectáreas máis, un 44,50% da superficie actual sinalada.

“Se contamos ambas ampliacións, que suman un total de 452.246 m2, esta é unha superficie que supera á actual do polígono en 81.646 m2. É dicir, sumando as dúas ampliacións, o Polígono de O Reboredo pasará a ter unha superficie de máis menos 823.000 m2, cunha proxección de futuro moi importante”, subliñou o Alcalde.

José Tomé pechou a súa intervención sinalando que “para min como Alcalde, con estas actuacións, imos facer aínda máis atractivo o noso Polígono, con máis solo industrial, máis oportunidades para as empresas, mellor comunicado e con mellores servizos para a implantación de empresas, para xerar riqueza e xerar postos de traballo”.

 

O Delegado do Goberno en Galicia e a xerente de SEA destaca que o éxito do polígono é froito do traballo e empeño constantes do Alcalde

Pola súa banda, o Delegado do Goberno, Pedro Blanco, incidiu en destacar o “compromiso firme do Goberno co desenvolvemento industrial de Galicia”, a través da “sustentabilidade, a innovación e a dixitalización”, como se constata nun proxecto que permitirá dar resposta á demanda empresarial existente nun Concello que vive un enorme “auxe industrial e turístico”, convertido nun “centro neurálxico de desenvolvemento de Galicia interior”.

​Pedro Blanco agradeceu o esforzo e as políticas progresistas do Alcalde e do Concello que, pese ao difícil contexto económico derivado da pandemia e a guerra de Ucraína, permitiron xerar un impacto moi positivo no modelo produtivo da provincia.

 Monforte, subliñou, ten “a man tendida do Goberno para seguir crecendo”, cun proxecto que o continuará potenciando a nivel industrial e asentando a Comarca como un dos principais núcleos de dinamismo empresarial e económico de Galicia.

 “O Goberno de Pedro Sánchez cumpre cos Concellos e coas súas demandas” e é un “firme aliado do sector industrial galego”, como reflicten os máis de 1.700 millóns de euros comprometidos nos fondos europeos do Plan de Recuperación para o sector industrial.

Ademais, o Goberno transferiu 4’8 millóns de euros á Xunta para reforzar a conectividade en polígonos, centros loxísticas e áreas de actividade empresarial, a través do Plan Único Industria e Empresas”. O programa inclúe tanto o despregamento de banda ancha, como a interconexión dos centros ou instalacións entre si, así como o reforzo da conectividade en cada un deles.

Pedro Blanco destacou que o Goberno axudou a máis de 25.000 empresas e pemes galegas cun investimento de máis de 90 millóns do Plan de Recuperación para mellorar a súa competitividade e impulsar o seu crecemento.

“Medidas proactivas e proxectos que pasan do papel á realidade”, remarcou.

O delegado do Goberno reiterou o seu agradecemento ao “gran traballo realizado por SEA e polo seu xerente Beatriz Sestayo, para culminar a esperada ampliación do parque empresarial de Reboredo”.

As xestións realizadas tanto desde SEA como desde o Concello permitiron triplicar a ocupación do polígono, que pasou do 20 ao 100% de chan adxudicado en só tres anos, nun “antes e un despois”, segundo a xerente de SEA, froito da nova etapa “proactiva” e de implicación directa iniciada no últimos catro anos. “A acción pública só ten sentido se redunda na creación de emprego, no desenvolvemento económico e no asentamento de poboación”, subliñou Beatriz Sestayo. 

A xerente de SEA -entidade dependente do Ministerio de Transportes a través de SEPES- explicou que xa está en marcha o proceso para a ampliación, coa aprobación no Consello de xuño da modificación do Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais. A previsión inicial establece que se poidan licitar as obras nun prazo aproximado dun ano.

O actual parque empresarial, no que se asintan empresas como Oviganic, especializada en produtos lácteos ou a farmacéutica Indukern, acolle máis de 30 compañías que xeran preto de 300 empregos directos, segundo as cifras achegadas polo sector empresarial.

Beatriz Sestayo puxo en valor a colaboración institucional co Concello que permitirá facer realidade un novo proxecto que contribuirá ao dinamismo da comarca, non só en termos económico e de investimento, senón tamén de cohesión social e de diversificación económica.

Co actual Goberno, o organismo estatal SEXA retomou os investimentos en Galicia encamiñadas á xeración de novas oportunidades, como reflicte non só a futura ampliación de Reboredo, senón tamén o desenvolvemento do novo polígono de Cuntis (Pontevedra) en colaboración con Zona Franca de Vigo ou a previsión de ampliación do parque empresarial da Laracha (A Coruña).

SEA adxudicou preto de 500.000 metros cadrados en Galicia desde 2019, en operacións que permitiron impulsar a creación de preto de 2.000 postos de emprego, segundo as cifras facilitadas polas distintas empresas.

 

Aposta decidida do Concello de Monforte pola mellora do Polígono industrial do Reboredo

Cabe recordar que recentemente o Alcalde supervisou os traballos de mellora do firme da estrada provincial que vai dende Monforte ó polígono industrial de O Reboredo, en concreto, a estrada LU-P-3205,  para o que se destinou un orzamento de 315.000€.

A esta última actuación das levadas a cabo no Polígono do Reboredo cabe engadir as desenvoltas polo Concello monfortino nos últimos anos, como a nova vía de medio quilómetro construída na zona oeste, na que o Concello aportou 235.627,16€, e as actuacións de reforma dunha nave municipal que foi convertida na sede do primeiro Viveiro de Empresas industrial que ten o Concello de Monforte, e no que investiu 235.913,45€.

A aposta dedicida do Equipo de Goberno monfortino por esta polígono empresarial do Reboredo, tradúcese nas inversións realizadas no período 2016-2022, que superan o 1,1M€ (concretamente, 1.108.949,26 €).

E recentemente, o Alcalde tamén anunciou unha inversión de preto de 5.000.000 € para unha nova depuradora no Polígono.

O éxito do polígono tradúcese no interese crecente de empresas por implantarse no mesmo, grazas á promoción que ven facendo o Concello nos últimos anos, como o caso anunciado da farmacéutica KernPharma, que construirá unha planta de produtos inxectables, cun investimento de máis de 60M€ e con máis de 100 empregos, ou a ampliación e mellora das instalacións da empresa de produtos lácteos Oviganic Ibérica, e novos proxectos industriais que están en fase de anteproxecto.