O Alcalde anuncia a apertura hoxe do prazo de solicitude para participar no Mercado de Outono da Praza de Abastos de Monforte

Monforte de Lemos, 27 de setembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Concello ven de abrir hoxe o prazo de inscrición para participar no Mercado de Outono de Monforte de Lemos, que se celebrará na Praza de Abastos da cidade os días 4 e 5 de novembro de 2023.

O prazo de presentación de solicitudes será dende hoxe 27 de setembro, día en que se veñen de publicar as bases desta convocatoria na páxina web do Concello, e rematará o día 25 de outubro de 2023.

O rexedor monfortino destaca que “o Mercado de Outono, ten como obxectivo a promoción e divulgación da nosos produtos gastronómicos propios do outono, xa que nesta mostra reunimos ano a ano a produtores e comerciantes que aportan  variada selección de produtos frescos e elaborados que non poden faltar nas comidas de outono”.

Así, nesta nova edición do Mercado de Outono, poderán participar produtores e comerciantes do sector alimentario relacionados con produtos de tempada de outono, sobre todo os relacionados cos froitos do bosque: cogomelos, castañas, noces, marmelos, froitos do bosque, entre outros, así como aqueles produtos elaborados e transformados dos mesmos.

“Este tipo de mercados que organizamos dende a área de promoción económica do Concello, tamén son unha oportunidade para dar a coñecer novas empresas ou produtores que están a iniciar un proxecto empresarial e que poden utilizar estas instalacións como un escaparate para os seus produtos”, destaca o Alcalde.

Os interesados e interesadas en participar deberán presentar o modelo normalizado de solicitude “Anexo I”, xunto coa documentación requirida nas bases de participación do Mercado, no Rexistro Xeral do Concello de Monforte, ou ben dirixirse á Axente de emprego e desenvolvemento local do Concello, nas Casitas da Compañía. Tamén se pode solicitar información no teléfono 982884775 e no correo electrónico: emprego_pe@concellodemonforte.com.

Ademais dos postos alimentarios que formarán parte do Mercado de Outono na Praza de Abastos de Monforte, dende o Concello organizaranse tamén diversas actividades de ocio e lecer para aqueles que visiten o Mercado: contacontos, obradoiros, exposicións e degustacións gastronómicas.

Descarga de documentación:

Bases_solicitude_Mercado_Outono_Monforte_2023.pdf

Solicitude_Mercado_Outono_Monforte_2023.pdf