Monforte de Lemos, 5 de outubro de 2023. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e o Concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Losada, deron a coñecer hoxe mediante rolda de prensa as liñas mestras do Plan de Xestión da materia orgánica do Concello de Monforte, sobre o que o Equipo de Goberno está ultimando todos os detalles para a súa posta en marcha.
Gloria Prada explicou que o desenvolvemento deste plan está fundamentado na Directiva 2018/851 do Parlamento Europeo, aprobada o 30 de maio de 2018, pola que, “en relación cos chamados “Biorresiduos” ou “Residuos Urbanos”, establece que os Estados membros garantirán, como moi tarde o 31 de decembro de 2023 que devanditos biorresiduos ou ben se separen e reciclen en orixe, ou ben se recollan de forma separada e non se mesturen con outro tipo de residuos”.
Esta directiva europea, ten a súa transposición en España a través da Ley 7/2022 de residuos y suelos contaminados, vixente desde o 9 de abril de 2022, e tamén foi desenvolvida pola Xunta de Galicia a través da Lei 6/2021 de febreiro, de residuos e chans contaminados de Galicia.
En base á Directiva Europea, o Plan de Xestión da materia orgánica do Concello de Monforte que ideou o executivo de José Tomé, tal e como explicou a Tenente de Alcalde, “contará fundamentalmente con dúas liñas de actuación, unha que achegará unha solución para a zona máis urbana e outra, que contemplará un servizo para todas as vivendas que contan con parcelas e hortas, tanto no centro urbano como nas diferentes parroquias do noso Concello”.
A través do desenvolvemento destas dúas liñas de actuación “desde o Concello de Monforte, facilitaremos a todos os nosos veciños os servizos e os medios necesarios para que poidan separar adecuadamente os residuos orgánicos que xeran nos seus fogares”.
Ademais, o Plan tamén engloba ós chamados “grandes produtores”, isto é, supermercados, restaurantes, centros de saúde ou outros organismos que xeren grandes cantidades deste tipo de residuos orgánicos.
Fomento da compostaxe individual na zona rural
A outra das liñas de actuación, que consiste no fomento da compostaxe individual para aquelas vivendas que conten con parcelas ou hortas, tanto no casco urbán como nas distintas parroquias do Concello, si comezará a desenvolverse dende hoxe.
En concreto, Gloria Prada anuncio o reparto, de balde, de composteiros de 300 litros, para aqueles que o soliciten e que teñan unha parcela ou finca cun mínimo de 25 m2.
Tamén se lles fará entrega, no seu domicilio, dun kit de compostaxe, formado por un manual onde se explicará como levar a cabo o proceso de compostaxe dos residuos orgánicos, e un cubo de 40 litros no que recoller os residuos en casa e poder transportalos ata o composteiro.
Para esta campaña, “dende o Concello poñemos a disposición dos veciños un total de 253 composteiros, cos seus correspondentes kits, co obxectivo de que poidan producir un abono de calidade e colaborar a mellorar a xestión do lixo no noso concello, dando unha segunda vida a eses restos orgánicos que volven á terra como un perfecto exemplo de economía circular, e contribuíndo así á conservación do Medio Ambiente” subliñou a Tenente de Alcalde.
Requisitos para a solicitude do composteiro
Para poder solicitar este composteiro de balde, os interesados poden facelo de 3 formas:
- Na páxina web do Concello ubícase un banner na portada principal que levará a un formulario que terá que ser cuberto para poder optar ao devandito compostador. Ó formulario pódese acceder dende o seguinte enlace:
https://www.monfortedelemos.es/gl/medioambiente/plan-xestion-materia-organica
- Os interesados tamén poderán acudir ao Rexistro do Concello onde lles axudarán a cubrir o devandito formulario.
- E finalmente, tamén se poderá cubrir por teléfono, chamando ao 982 402 501 e especificando que queren inscribirse neste programa de composteiros do Concello.
Para participar neste programa e poder optar á recepción dun composteiro, tal e como figura no mencionado cuestionario, os solicitantes terán que estar censados en Monforte de Lemos e que a leira ou terreo no que vaian instalar este composteiro, se sitúe no termo municipal de Monforte de Lemos, con esas dimensións de polo menos 25m2 de superficie.
Neste senso, Gloria Prada explicou que “é necesario que o sitúen dentro do noso Concello, porque unha vez lles sexa concedido o composteiro, este seralles entregado na súa propia vivenda, momento en que un mestre compostador axudaralles a montalo, e daralles as indicacións precisas para o seu bo uso”.
Precisamente, outro dos requisitos necesarios para optar a este composteiro, é que mediante o formulario que teñen que cubrir, os usuarios teñen que comprometerse a utilizar adecuadamente devandito composteiro. Xa que ademais, unha vez entregados e postos en marcha, levaranse a cabo visitas de seguimento dos mesmos, para certificar o seu correcto uso así como solucionar dúbidas que poidan xurdir.
Recollida de biorresiduos na zona urbana
A Tenente de Alcalde, avanzou que no eido urbano, o Equipo de Goberno está ultimando os detalles dun plan de recollida de residuos orgánicos.
Sen embargo, dado que aínda non están pechados todos os aspectos desta campaña urbana, esta será dada a coñecer nas vindeiras semanas, nunha nova rolda de prensa, na que se explicarán de xeito pormenorizado os detalles desta liña de actuación.
Compromiso do Concello co Medio Ambiente
A Tenente de Alcalde, remarcou que “desde o Equipo de Goberno do Concello de Monforte, apostamos decididamente pola conservación do Medio Ambiente e por dar a coñecer aos nosos veciños as claves para xestionar adecuadamente os residuos que xeramos nos nosos fogares”.
Neste senso, este reparto de 253 composteiros, únese ó que xa levou a cabo o Equipo de Goberno no ano 2021, no que se puxeron a disposición dos veciños 115 unidades, e en campañas anteriores, 193 máis. “Co que en total superaremos os 560 composteiros repartidos nos últimos anos dende o executivo de José Tomé”.
Coa posta en marcha do Plan de Xestión da materia orgánica do Concello de Monforte, o obxectivo do Equipo de Goberno é “reducir a xeración de residuos, posto que a fracción orgánica, é dicir, os restos de comida que orixinamos nas nosas vivendas, constitúe case a metade do contido da nosa bolsa do lixo.”
E a través da liña de compostaxe doméstica, a produción de compost conleva a redución da materia orgánica que se deposita nos contedores e cubos de basura, e permite obter un abono natural e gratuíto.
Por este motivo, Gloria Prada animou ós veciños de Monforte a participar nesta primeira liña do Plan de Xestión da materia orgánica do Concello. E indicou que a previsión dende o Concello, é ir repartindo os composteiros a medida que se vaian solicitando, e unha vez que os técnicos municipais comproben que os solicitantes cumpren cos requisitos requiridos.
Campañas informativas e publicitarias
Tanto este servizo de entrega de composteiros, como a liña de implantación do sistema de recollida de residuos orgánicos na contorna urbana e a grandes produtores, virán acompañados dunha campaña informativa e publicitaria en medios de comunicación e a través dun buzoneo masivo.
E tamén, como noutras ocasións, dende o Concello desenvolveranse accións de rúa nas que monitores especializados encargaranse de informar e explicar pormenorizadamente á cidadanía este novo servizo de recollida de residuos orgánicos, e solventar as dúbidas que poidan xurdir.
Para desenvolver este Plan de Xestión da Materia Orgánica de Monforte, que engloba actuacións tanto no ámbito rural coma no urbano, o Concello conta cun orzamento inicial que alcanzará os 337.000 euros.
“Como ven”, concluíu Gloria Prada, “apostamos decididamente por mellorar a saúde ambiental da nosa cidade, poñendo a disposición dos nosos cidadáns todos os medios que están ao noso alcance. Pero igualmente, sen a colaboración e sen a implicación, dos nosos veciños e veciñas, isto non sería posible. Por iso, animamos a todos aqueles interesados en obter un compost natural que sirva de abono ás súas hortas e plantas, que soliciten un dos 253 composteiros que desde hoxe ofrecémoslles de forma gratuíta para que así contribúan, a través dunhas boas prácticas ambientais, a lograr unha cidade máis limpa e saudable para todos e todas”.