Monforte de Lemos, 19 de outubro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu onte mércores 18 de outubro ás 20:30 h á presentación do libro da escritora e xornalista Pilar Eyre, que tivo lugar no Casino Ateneo, presentación organizada pola libraría Agrasar.
O libro leva por título “De Amor y de Guerra”, e é a novela número 23 desta distinguida escritora, que ten ascendencia en Monforte, cidade na que pasaba os veráns de nena e de moza. Ademais, Pilar Eyre ten un vínculo especial coa Ribeira Sacra e o Pazo de Fraguas.
No acto, o Alcalde estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, e a concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.
Pilar Eyre, recoñecida escritora e xornalista española, é coñecida pola súa vasta experiencia no mundo da literatura e o xornalismo. É autora de numerosas obras de gran éxito e contribúe coas súas crónicas e reportaxes ás principais publicacións de España.
Ademais do seu traballo xornalístico, Pilar Eyre é unha autora exitosa cunha impresionante lista de libros publicados. As súas obras literarias abarcan xéneros que van desde a novela ata a biografía e a crónica social. Algúns dos seus libros máis destacados inclúen " Mi color favorito es verte " (finalista do Premio Planeta), " Yo, el rey ", e " La soledad de la reina ", entre outros.