Monforte de Lemos, 1 de novembro de 2023. O Alcalde, José Tomé Roca, ven de informar que o Concello de Monforte celebra un ano máis o tradicional Mercado de Outono que acolle a Praza de Abastos de Monforte a vindeira fin de semana, concretamente os días 4 e 5 de novembro.
Un mercado de produtos típicos de outono de tempada que contará ademais con gastronomía, contacontos e diversos obradoiros relacionados co Samaín e cos cogumelos.
O Alcalde destaca que “con esta actividade contribuímos a poñer en valor os produtos típicos do outono. Por outra parte, potenciamos o comercio local e de proximidade, axudando a dinamizar e crear atractivos comerciais. E tamén dinamizamos os espazos comerciais da nosa Praza de Abastos”.
No espazo dos Mercados da Praza de Abastos, será posible, durante toda a fin de semana, adquirir produtos de tempada, produtos gastronómicos de outono: castañas, cogumelos, noces ou mel así como os produtos elaborados cós mesmos: doces, marmelos ou licores ademais de aceite, embutidos e queixos galegos. En total serán 12 postos de venda directa deste tipo de produtos.
Este mercado de produtos naturais e típicos de outono abrirá as súas portas o sábado 4 de novembro de 10 a 14 horas, e tamén pola tarde, de 17:00 a 20:00 horas. No caso do domingo 5, o seu horario será de 11:00 a 14:00 horas.
Actividades para toda a familia
Dentro do Mercado de Outono o Concello programou as seguintes actividades, dirixidas tanto a nenos e nenas coma a público adulto:
Sábado 4 de novembro
12:00 a 13:30 h.- Obradoiro do Sanmain para nenos/as. Decoración de cabazas.
18:00 a 19:00 h.- Contacontos con Iseo A Moura “De cea cos difuntos”.
19:00 a 20:30 h.- Showcooking “Cociña de cogumelos”. Límite de prazas: 30, sen límite de idade, e poderán participar nenos e nenas, acompañados dun adulto.
Domingo 5 de novembro:
12:00 a 13:30 h.- Obradoiro de cultivo de cogumelos. Límite de prazas: 30, sen límite de idade, e poderán participar nenos e nenas, acompañados dun adulto.
Sinopse do Contacontos De cea cos defuntiños
Por tres días, por tres noites ao ano, o veo que separa o mundo dos vivos do mundo dos mortos cae. É entón cando os nosos seres queridos, parentes ou aqueles que finaron deixando asuntos pendentes, fan o camiño de volta a casa. E como os recibimos na Galiza? Con medo? Con disfraces gore e unha bola de cristal? Non, ho! Coa mesa posta coa súa comida favorita e un carreiriño de candeas ata a porta, para que non tropecen no camiño, que a aldea moito ten cambiado dende que a deixaron…
Da man de Iseo a Moura, ser máxico que vive a cabalo entre os dous mundos (bueno, en realidade en bicicleta, porque é vegana), vanvos chegar catro historias, catro pratos moi especiais, catro citas cos defuntos para axudarvos a entender a morte á galega.
Que vos aproveite!
• Elenco: Iseo Agilda
• Modalidade artística: Narración oral, música ao vivo
• Público ao que vai dirixido: Familiar
• Idioma: Galego
• Duración do espectáculo: 45 min
lseo Agilda, filósofa de formación, encamiñou logo a súa vocación cara a Educación Ambiental e dende aí comparte a súa vontade de aprender a vivir dun xeito máis sostible, sinxelo e xusto a través de cancións, contos e actividades na natureza. Cantante en Sacha na Horta e Blues do País.