Monforte de Lemos, 6 de novembro de 2023. O teatro volve esta semana a Monforte, dentro do ciclo de teatro deseñado polo Equipo de Goberno para o segundo semestre do ano 2023.
Deste xeito, o salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acollerá o sábado 18 de novembro a partir das 8 da tarde unha representación teatral con entrada libre e gratuíta dirixida a todos os públicos.
O espectáculo, que leva por título "Inseguridade social" será posto en escena polo grupo monfortino de teatro Teatreiras.
O elenco de Teatreiras no ano 2023 inclúe actores e actrices de entre 9 e 80 anos; para algún e algunha é a súa primeira experiencia na escena teatral. Actuarán así Alexandra Georgiana, Sofía Rodríguez, Antía Quiroga, Sergio López, Pilar Cambón, Mª Clarisa Mira, Anxo González, Yasmina Iglesias, Noelia Pastor, Rita Aira, Dorinda Veiga, Iago Fernánde, Gloria Guerrero, Mª José Abeledo, Lucía Felpeto Santero e Andrea Abeledo. A montaxe, coordinación e dirección é de Francisca Abeledo.
Sinopse
“Inseguridade social” é unha versión libre da comedia “Inseguridad social” de Albert Villaró, que foi traducida ao galego e adaptaba pola coordinadora e directora do grupo Teatreiras para os participantes neste curso 2023, coa intención de que todas e todos poidan disfrutar e aprender lúdicamente da experiencia teatral.
A peza narra con moito humor as peripecias, equívocos e disparates que se van sucedendo na recepción dun hospital.
Por alí pasarán personaxes moi diversos que acabarán revoltos no desenlace final: servizo de limpeza, enfermeiras e enfermeiros, doutoras e doutores, psiquiatra, administrativas, varias pacientes e impacientes e un visitador médico particularísimo. Todas e todos contarán a súa versión e o público verá que… todo é posible.
A seguinte obra programada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, dirixida para todos os públicos, será A autopista de Argalleiras-Chantada que terá lugar o sábado 25 de novembro na Casa da Cultura ás 20:00 h, sendo a entrada gratuíta. Esta peza está dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado da Área de Cultura da Deputación de Lugo.