O Alcalde anuncia a sinatura dun convenio entre o Ministerio de Transportes, a Deputación de Lugo e o Concello de Monforte para construír unha nova conexión entre as estradas N-120A e N-120

Monforte de Lemos, 17 de novembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (Mitma) ven de asinar un convenio coa Deputación de Lugo e o Concello de Monforte de Lemos para a execución dun novo vial de conexión entre as estradas N-120A e a N-120 e a mellora da seguridade viaria na contorna.

José Tomé saliento que “é unha gran noticia sen dúbida para o noso Concello, unha gran noticia para Monforte, e eu diría que é unha noticia histórica porque, por fin despois de 30 anos vai ser realidade a medio prazo a construción do tramo da Ronda Urbana entre a rotonda da rúa Ourense e a N-120, completando así a Ronda Urbana entre o cruce da rúa San Pedro, a rotonda do Hórreo e a recta de Distriz, quedando completa a circunvalación de Monforte”.

O orzamento estimado das actuacións deste convenio ascende a 7,5 millóns de euros (IVE incluído), acordándose o financiamento da seguinte forma: o 90% o Mitma, aportando 6.750.000€, o 6,66% a Deputación de Lugo, aportando 500.000€,  e e polo Concello de Monforte aportando 250.000€, en 5 anualidades, o que significa o 3,34%.

Por unha banda, o convenio ten por obxecto establecer o marco para proceder á redacción do anteproxecto, do proxecto de trazado e de construción, a tramitación ambiental, as asistencias técnicas para a súa execución e a tramitación das expropiacións necesarias. Por outro, ten por obxecto a cesión por parte de Mitma dese tramo de estrada ao Concello de Monforte de Lemos.

“Polo tanto”, subliñou o Alcalde, “é unha inversión moi importante, como se pode observar. Nun tramo moi pequeno de 1,2 km., pero que a parte da compra dos terreos e de a realización das obras, hai que facer unha ponte sobre o río Cabe, tamén sobre a estrada de Sober, e sobre a vía do ferrocarril, ademais de facer o entronque coa N-120”.

Ademais de financiar a maior parte das actuacións, corresponden ao Ministerio as seguintes obrigacións:

  • Redactar e aprobar o anteproxecto, proxecto de trazado e construción do novo vial de conexión entre a estrada N-120A e a nova N-120 e mellora da seguridade viaria na contorna, en Monforte de Lemos.
  • Tramitar o procedemento de avaliación ambiental do citado anteproxecto.
  • Tramitar o expediente expropiatorio correspondente.
  • Licitar e executar as obras, así como contratar todas as asistencias técnicas necesarias para o correcto desenvolvemento da obra (control e vixilancia, seguridade e saúde etc.)/ etc.)
  • Formalizar, á finalización das obras, o cambio de titularidade do tramo executado a favor do Concello de Monforte de Lemos, mediante acta de recepción e cesión subscrita polas Administracións interesadas, na que se definirán con precisión os límites do tramo afectado.

Doutra parte, corresponde á Deputación de Lugo a obrigación de financiar parte das actuacións recollidas e ao Concello de Monforte de Lemos, á parte de financiar tamén parte destas, a de aceptar a cesión do tramo executado polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana.

O convenio estará vixente ata a recepción e liquidación das obras e, como máximo, por un prazo de 4 anos desde a data en que sexa eficaz, unha vez inscrito no Rexistro Electrónico estatal de Órganos e Instrumentos de Cooperación do sector público estatal. Así mesmo, será publicado no Boletín Oficial do Estado. A vixencia do convenio poderá prorrogarse por un período de ata catro anos adicionais, mediante a tramitación da addenda correspondente, previo cumprimento de todos os trámites e requisitos que resulten preceptivos de conformidade coa lexislación vixente.

“Esta é unha obra máis das que marcan un antes e un despois no noso Concello, dende que eu cheguei á alcaldía no ano 2015. E o meu compromiso cos monfortinos e coas monfortinas é seguir traballando para que Monforte siga medrando, como o está facendo” resaltou o rexedor monfortino, quen tamén anunciou que “dentro de pouco, daremos información e novas de novos investimentos que van seguir mellorando a vida de todos os veciños e de todas as veciñas de Monforte”.


Plano do novo vial de conexión entre a N-120A e a N-120, que completará a circunvalación de Monforte