Teatro este xoves no Multiusos de Monforte con Unha inimiga do pobo, da compañía Talía Teatro, que tivera que ser aprazada en outubro

Monforte de Lemos, 20 de novembro de 2023. O teatro volve esta semana a Monforte, dentro do ciclo de teatro deseñado polo Equipo de Goberno para o segundo semestre do ano 2023.

Deste xeito, dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, este xoves 23 de novembro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos Unha inimiga do pobo, da compañía Talía Teatro, obra escrita por Henrik Ibsen, dirixida por Tito Asorey e cun elenco artístico formado por Toño Casais, Diego Rey, Marta Ríos, Dani Trillo, Artur Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Marta Lado e María Ordóñez.

Esta obra tiña previsto que se representase o pasado 26 de outubro, pero por causas alleas ó Concello, tivo que ser aprazada.

É unha obra dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.

Unha inimiga do pobo é a adaptación dunha das pezas máis significativas da literatura dramática universal. Cento corenta anos despois da súa creación, o texto de Henrik Ibsen segue a servir de material inflamable para denunciar unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación, ao tempo que permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa. A rabiosa actualidade do texto próbase ao descubrir como os problemas incipientes que o protagonista afrontaba no século XIX volvéronse máis profundos e daniños no século XXI.

 

Sinopse

Helena é unha doutora de prestixio internacional que regresa á vila natal para comezar unha nova etapa xunto ao seu compañeiro. Embarazada de cinco meses, afronta o seu novo estado coa ilusión por un novo proxecto profesional co balneario que ela mesma deseñou e que se presenta como un alternativa turística sostible e saudable.

A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza que ve como se pon en risco a prosperidade para toda a comunidade.

A seguinte obra programada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, dirixida para todos os públicos, será A autopista de Argalleiras-Chantada que terá lugar o sábado 25 de novembro na Casa da Cultura ás 20:00 h, sendo a entrada gratuíta. Esta peza está dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado da Área de Cultura da Deputación de Lugo.