Día Mundial da SIDA 2023

QUE LIDEREN AS COMUNIDADES

Para poñer fin á sida, o mundo necesita que as comunidades vaian na cabeza. As organizacións de comunidades que viven co VIH, que corren o risco de contraelo ou que se viron dalgunha maneira afectadas polo virus están na primeira liña da loita para progresar na resposta ao VIH. As comunidades conectan ás persoas cos servizos de saúde pública centrados nas persoas, xeran confianza, innovan, supervisan a implementación de políticas e servizos, e responsabilizan aos provedores.

 Con todo, as comunidades van sendo cada vez máis privadas do seu liderado. Os recortes no financiamento, os obstáculos políticos e lexislativos, as limitacións de capacidade e as normas restritivas para a sociedade civil e os dereitos humanos das comunidades marxinadas están a obstaculizar o progreso dos servizos de prevención e tratamento do VIH. Se se eliminan todos estes obstáculos, as organizacións lideradas pola comunidade poderán achegar un impulso aínda maior á resposta mundial ao VIH, avanzando cara ao fin da sida.

Este Día Mundial da Sida é máis que unha mera homenaxe aos logros das comunidades; é un chamamento á acción para habilitar e apoiar ás comunidades nos seus postos de liderado. No Día Mundial da Sida 2023 destacarase que, para liberar todo o potencial do liderado das comunidades para conseguir o fin da sida:

• Os roles de liderado das comunidades deben ser fundamentais en todos os plans e programas para o VIH e durante a súa formulación, elaboración de orzamentos, posta en marcha, seguimento e avaliación. «Nada para nós sen nós».

 • As funcións de liderado das comunidades deben financiarse de forma completa e fiable para permitir a ampliación necesaria, e han de contar sempre co apoio e a remuneración adecuados. «Non poñer fin á sida é máis caro que acabar con el».

• É necesario eliminar as barreiras aos roles de liderado das comunidades. Necesítase unha contorna normativa propicia que facilite o papel das comunidades na prestación de servizos para o VIH, garanta o espazo social civil e protexa os dereitos humanos de todos, incluídas as comunidades marxinadas, para avanzar na resposta global ao VIH. «Eliminar as leis que prexudican, crear leis que empoderan».

 

As comunidades están a liderar o Día Mundial da Sida e, en todo o mundo, están a dar forma aos acontecementos e adaptando os chamamentos detallados ás súas necesidades específicas. Mediante as fotos e os vídeos compartidos polos grupos nas redes sociais e subidos por ONUSIDA, as persoas poderán facerse unha idea dos moitos e variados eventos que terán lugar, deixarse inspirar pola determinación e a esperanza, e escoitar as chamadas á acción das comunidades.

Dado que o cambio non depende dun momento, senón dun movemento, a mensaxe «Que lideren as comunidades» non só soará un día. Estará no centro das accións que se desenvolverán ao longo de novembro, entre elas a publicación do Informe do Día Mundial da Sida (titulado Que lideren as comunidades) a finais de novembro, chegará ao seu punto máis alto o 1 de decembro coincidindo co Día Mundial da Sida, e seguirá ecoando ao longo de todo decembro e máis adiante.

“O fin da sida é posible, está ao noso alcance”  afirma Winnie Byanyima, Directora Executiva de ONUSIDA.

“Para seguir o camiño que pon fin á sida, o mundo debe deixar que as comunidades asuman o liderado”.

 

Para máis información pódese consultar a nosa sección de "DOCUMENTACIÓN"