Monforte de Lemos, 5 de decembro de 2023. O Alcalde, José Tomé Roca, acompañado pola Primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Servizos, José Luís Losada, inaugurou no Centro do Viño a exposición do pintor Gregorio Huerta del Río, que permanecerá aberta para todos os públicos ata o vindeiro luns 8 de xaneiro de 2024.
A mostra, que conmemora os 100 anos do nacemento do artista, está composta por 20 cadros cuxos motivos principais son as uvas e as vides. O Concello de Monforte colaborou no patrocinio desta exposición, organizado por Abrentis e o Centro do Viño.
O Alcalde destacou a importancia de acoller esta exposición en Monforte xa que o “pintor aborda en moitos dos seus cadros a temática das uvas, polo que conecta directamente coa importancia que os sector do viño ten na nosa comarca e na Ribeira Sacra, que está a conseguir cada vez poñer no mercado viños de máis calidade e non so viños xoves senón tamén en barrica”.
Gregorio Huerta del Río, 1923-2014, (Avenales, Asturias / Soria) foi un pintor que estivo afincado en Madrid. Ten tras de si unha longa traxectoria vital vinculada a algunhas das figuras máis destacadas do século XX, como Salvador Dalí, ó que acompañou en numerosas exposicións internacionais, ou Francisco Franco, ao que retratou nunha das súas obras máis coñecidas.
Destacan a calidade dos bodegóns que pintou; por iso é coñecido como «pintor das uvas», un tema recurrente na maioría das súas obras.
Huerta del Río abandonou a súa carreira militar para dedicarse de maneira total á pintura, sendo discípulo de Dalí en París, onde tamén coñeceu a Gala, da que, asevera, "fomos amantes, Dalí sabíao e consentíao, Os tres fixemos unha viaxe a través de EE UU". Pintor reputado, as súas obras son dunha calidade excepcional, son un deleite para a vista.