Monforte de Lemos, 11 de decembro de 2023. O teatro volve esta semana a Monforte, dentro do ciclo de teatro deseñado polo Equipo de Goberno para o segundo semestre do ano 2023.
Deste xeito, o salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acollerá o sábado 16 de decembro a partir das 8 da tarde unha representación teatral con entrada libre e gratuíta dirixida a público adulto.
Esta comedia de enredo, que leva por título "A cegueira de Cupido, porque o amor nunca é o que parece", será posta en escena polo grupo monfortino de teatro Viraventos.
Viraventos é un grupo formado por once persoas apaixoadas do teatro, que levan moito tempo desfrutando tando de velo como de facelo. Ano tras ano poñen moito interese na creación e na representación de obras, chegando a conformar unha "gran familia de teatreiros e teatreiras". O seu lema é que ser amador non é menos que ser profesional, simplemente é outra maneira de facer as cousas.
Sinopse
“A cegueira de Cupido, porque o amor nunca é o que parece” son catro historias independentes sobre as relacións de parella, que aínda que nun primeiro momento non teñen nada que ver, acaban enredándose e mesturándose as unhas coas outras.
Unha sucesión de acontecementos surrealistas e absurdos, serven para mostrar como ás veces as relacións están marcadas por estereotipos sociais que non nos deixan actuar libremente polo medo ao que dirán.
De seguro que o público se sentirá identificado con algunha das personaxes da obra, sempre desde a perspectiva do humor.
A seguinte obra programada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, que será a última deste ciclo de teatro do segundo semestre de 2023, será Cinco minutos sen respirar da compañía Ítaca Teatro que terá lugar o xoves 28 de decembro na auditorio do Edificio Multiusos ás 20:00 h, sendo a entrada gratuíta e dirixida para todos os públicos. Esta peza está dentro do Circuíto de Teatro Profesional da Área de Cultura da Deputación de Lugo.