Monforte de Lemos, 20 de decembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e as Concelleiras de Cultura, Marina Doutón, e Consumo, Regina López, asistiu hoxe á XXIII Mostra de Panxoliñas para Centros de Ensino do Concello de Monforte de Lemos, organizada dende a Concellería de Cultura, e na que nenas e nenos de Infantil e Primaria de diferentes centros de ensino da cidade interpretaron composicións musicais de Nadal.
A mostra, que se desenvolve en todas as edicións con grande éxito, chegou este ano á súa vixésima terceira convocatoria, e encheu novamente o auditorio do Edificio Multiusos de público.
Nesta 23ª edición os centros de ensino participantes foron o Colexio PP. Escolapios, a Fundación Educativa Torre De Lemos, o Colexio P. Ferroviario e o CEE Infanta Elena
Tras as actuacións a cargo de alumnos e alumnas de infantil e primaria, o Alcalde obsequiou a cada centro cun trofeo conmemorativo da ocasión, acompañado pola Concelleira de Cultura.