Monforte de Lemos, 2 de xaneiro de 2024. O Alcalde, José Tomé Roca, puxo en valor a restauración do mural ferroviario do vestíbulo da Estación de tren de Monforte que vén de rematar o Adif. Trátase dun documento histórico que recrea o mapa ferroviario das liñas existentes en ancho ibérico en Galicia no ano 1954, cando Cándido Fernández Inchaurbe, delineante e proxectista de Renfe, firmou a obra.
Os traballos acometidos para recuperar a pintura son o resultado das xestións realizadas polo Alcalde, quen, neste sentido, destacou a implicación do Presidente da Comisión de Transportes do Congreso dos Deputados, José Ramón Gómez Besteiro, e agradeceu a súa colaboración para facer realidade esta iniciativa, “que preserva o legado histórico e cultural que temos en Monforte, e que contribúe a recoñecer e a proxectar a importancia do noso concello como nó ferroviario”.
O mural restaurado, que xa se pode contemplar no vestíbulo da Estación de tren, recolle monumentos representativos de Galicia, como a Torre de Hércules, a Muralla de Lugo ou a Ponte Vella de Ourense, así como diferentes escenas (un peregrino, un emigrante, dous axentes fronteirizos, un autobús ou tres trens automotores de TAF da época saíndo de Monforte), todas elas enmarcada cos escudos das catro provincias galegas e referencias agrícolas e gandeiras.
Esta actuación complementa o proceso de renovación da Estación e dos seus accesos que está acometendo o Goberno do Estado dentro do plan de modernización integral da liña Ourense-Monforte-Lugo cun investimento total de 550M€, xa mobilizados practicamente na súa totalidade.
De feito, no marco destes investimentos, o propio Alcalde anunciou o pasado venres a licitación por 2.043.844,15€ das obras para a mellora da accesibilidade na Estación, que contempla importantes actuacións tanto no Edificio de viaxeiros como na Praza da Estación de Ferrocarril.
En concreto, o proxecto consistirá na redistribución de locais no edificio de viaxeiros, a renovación e reparación do vestíbulo, a rehabilitación das marquesiñas dos andéns, a modificación das pendentes nas plataformas, a restauración de Estación, a renovación de iluminación exterior e interior, e a organización e mellora integral da Praza da Estación, que inclúe a glorieta Pablo Iglesias ata o linde coa rúa Calvo Sotelo, por unha solicitude expresa do Concello de Monforte.