Monforte de Lemos, 20 de xaneiro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Concello continúa implantando a recollida do lixo orgánico iniciada no pasado ano 2023, a través do Plan municipal de xestión dos residuos de orixe orgánica, co obxectivo de facilitar ós veciños de Monforte a axeitada reciclaxe deste tipo de residuos que xeran nos seus fogares.
O Alcalde recorda, en relación á implantación deste Plan, que ““empezamos no pasado ano 2023, polo rural, despois na zona periurbana, na periferia de Monforte, e tamén cos grandes produtores. E na zona urbana, empezamos implantado este cubeo a partir do luns 22 de xaneiro”.
Cabe recordar que este plan conta con dúas liñas de actuación, unha que achega unha solución para a zona urbana e outra, que contempla un servizo para todas as vivendas que contan con parcelas e hortas, tanto no centro urbano como nas diferentes parroquias do Concello.
Para o seu desenvolvemento, o Executivo de José Tomé contou cun orzamento inicial que supera os 337.000 euros, ós que lle hai que engadir os gastos derivados do uso do camión de recollida (mantemento, combustible) e do persoal destinado a este novo servizo, que superarán os 100.000 €.
“Con este Plan”, subliña José Tomé, “o noso obxectivo é contribuír a reciclar os nosos residuos dun xeito sostible, apostando decididamente por mellorar a saúde ambiental da nosa cidade, que xa é boa, pero queremos que sexa aínda mellor, poñendo a disposición dos nosos cidadáns todos os medios que están ó noso alcance. Este Plan está financiado polo Concello de Monforte e pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia”.
Recollida mediante sistema de cubeo
Tal e como anunciou o Alcalde hai uns meses en rolda de prensa, o cubeo desenvolverase en 2 zonas de recollida, colocando os cubos de cor marrón xunto co resto de cubos para a recollida de lixo non orgánico.
En concreto, a partir do luns 22 de xaneiro os veciños poderán depositar os residuos orgánicos por zonas mediante o sistema de cubeo.
A Zona 1, que comprende o sur da cidade, engloba as rúas Chantada, Veguiña, Ourense, Covas, Avenida de Galicia, Francisco Moure, Celso Emilio Ferreiro, Sarria, Reboredo, Duquesa, Carude, Compañía e Roberto Baamonde. A recollida farase luns, mércores e venres, dando comezo o luns 22 de xaneiro.
A Zona 2 abarca a zona norte-noroeste da cidade, concretamente o Casco Histórico, Campo de San Antonio, Barrios do Hospital e da Estación, Valle Inclán, Eduardo Pondal, Malvarón, Benito Vicetto, Estrela e Muiños de Antero. A recollida será martes, xoves e sábado, dando comezo o martes 23 de xaneiro.
“É dicir, haberá recollida toda a semana menos os domingos, do colector marrón”, salienta o Alcalde.
A previsión inicial é colocar aproximadamente uns 265 contedores marróns cada día. Son cubos de 100 litros, e o Concello conta cun total de 660 unidades para esta parte do servizo, que teñen unha partida orzamentaria de 21.721,92€.
Todas aquelas persoas que non poidan descargar os seus residuos nestes contedores, terán o reforzo das zonas periurbanas, nos que os colectores xa están instalados, ”porque o noso obxectivo dende o Concello é dar as máximas facilidades posibles ós nosos veciños e veciñas para que poidan cumprir co Medio Ambiente” destacou o Alcalde.
Ós veciños interesados en participar neste programa, ademais da chave para poder facer uso dos contedores da zona periurbana, o Concello tamén lles proporcionará un folleto informativo coas claves para facer axeitadamente a separación deste tipo de residuos, e un caldeiro de 40 litros para que leven a cabo esa recollida nas súas casas, e o correspondente traslado dos residuos ata o contedor habilitado.
Para esta campaña urbana, o Equipo de Goberno tamén deseñou e imprimiu de 8.000 folletos informativos, dos cales nos próximos días serán enviados 5.000 ós fogares monfortinos mediante buzoneo.
Novas carpas informativas en distintos puntos da cidade
Co obxectivo de seguir informando á cidadanía sobre os detalles desta Plan de recollida dos residuos orgánicos, ó igual que se fixo no ano 2023, o Concello volverá a ubicar, durante a vindeira semana carpas informativas, dende o luns 22 ó mércores 24 en distintos puntos da cidade.
En concreto, os días e lugares de ubicación da carpa informativa son os seguintes:
- O luns 22 de xaneiro, de 10:30 a 13:30 h na Rúa Cardeal e de 15:30 a 18:30 h na entrada do Parque dos Condes.
- O martes 23, de 10:30 a 13:30 h na Rúa Doutor Casares con rúa San Pedro, e 15:30 a 18:30 h no cruce da rúa Florida con rúa Calvo Sotelo.
- E o mércores 24, de 10:30 a 13:30 h e de 15:30 a 18:30 h no aparcadoiro da área comercial rúa Chantada.
Nesta carpa informativa, ademais de recibir información e asesoramento de como reciclar axeitadamente este tipo de residuos orgánicos, aqueles cidadáns censados no Concello de Monforte poderán recoller de xeito gratuíto un caldeiro de 40 litros e un manual informativo para a recollida do lixo orgánico nos seus fogares.
Este material que ofrece o Executivo do José Tomé, que facilita á cidadanía ferramentas para levar a cabo a separación deste residuo, tamén se pode solicitar á través do formulario específico colgado na web www.monfortedelemos.es, chamando ó 982 402 501 e tamén se pode recoller na propia Casa do Concello en horario de 9 a 14 h. O Concello conta con 2.500 caldeiros de 40 litros, para repartir entre os cidadáns interesados neste Plan.
O Alcalde recorda que neste colector poden depositarse restos de froita e verdura, restos de carne e peixe, cunchas de marisco ou froitos secos, restos de pan, restos de café e infusións, papel de cociña, restos de plantas, tapóns de cortiza, etc.
E que non pode depositarse, comida envasada, cueiros, compresas, bastonciños de algodón, cabichas e paquetes de tabaco, cápsulas de café, roupa, papel de aluminio, plásticos e envases, cabelos, etc.
“Desde o Equipo de Gobierno deste Concello de Monforte, apostamos decididamente pola conservación do Medio Ambiente e por dar a coñecer ós nosos veciños e veciñas as claves para xestionar adecuadamente os residuos que xeramos nos nosos fogares”, concluíu José Tomé. “A nosa pretensión é reducir a xeración de residuos, posto que a fracción orgánica, constitúe case a metade do contido da nosa bolsa de lixo”.