A tempada de teatro de 2024 do Concello de Monforte arrinca este xoves con O auto de Castromil, da compañía Producións Teatrais Excéntricas

Monforte de Lemos, 22 de xaneiro de 2024. O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no primeiro semestre do ano 2024, para o que programa 7 pezas, 6 para público adulto e 1 para público infantil e familiar.

Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, este xoves 25 de xaneiro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos O auto de Castromil, da compañía Producións Teatrais Excéntricas, obra escrita e dirixida por Quico Cadaval e interpretada por Patricia Vázquez, Rocío González, Marcos Orsi e Víctor Mosqueira.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

 

Sinopse

Con este proxecto Excéntricas gaña o III Concurso de proxectos que convoca a fundación Manuel Maria e que recibe o apoio do Concello de Monforte de Lemos xunto con mais de corenta concellos e institucións de Galicia.

A obra acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Os viaxeiros dormen e talvez o condutor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia de Galiza, combaten a nosa amnesia conxénita usando autos populares e farsas do autor chairego.

Nelas aparece a historia alucinada dun pobo que loita, é derrotado, volve levantar a cabeza e rebelarse de novo. Unha rebelión na que, ás veces, non temos mais armas que o humor e o espirito antroidesco. “O auto do Castromil” é unha viaxe en transporte público pola Galiza inconsciente.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Entrega en man da compañía Contraproducións que terá lugar o xoves 22 de febreiro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.