Monforte de Lemos, 6 de febreiro de 2024. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de dar a coñecer os datos correspondentes ó número de pasaxeiros que utilizaron o Autobús urbano de Monforte no pasado ano 2023, que alcanzou os 68.657 usuarios.
O dato é certamente relevante porque “a media mensual neste 2023 supera ás 5.700 persoas ó mes, polo que podemos dicir que estamos ante un ano histórico no que superamos a cifra de 68.000 viaxeiros”, destaca o Alcalde.
Do mesmo xeito, o rexedor monfortino subliñou que “o novo bus urbano gratuíto de Monforte transportou, en 2023, 15.972 usuarios máis que en 2021 (52.685 usuarios, un 30,31% máis); e 4.833 usuarios máis que en 2022 (63.824 usuarios, un 7,50% máis), o que significa todo un éxito para este servizo de trasporte público municipal dende que comezou a funcionar cun novo vehículo e de xeito gratuíto en febreiro de 2020”.
Cabe recordar que, no ano 2020 en que o servizo comezou o seu funcionamento, concretamente o 1 de febreiro, alcanzáronse os 34.655 usuarios, e tendo en conta que en 2020 o servizo do bus urbano estivo suspendido entre o 14 de marzo e o 10 de maio, tras o estado de alarma decretado polo Goberno a raíz da crise do COVID-19. Tras a incidencia da Covid-19, o incremento no número de viaxeiros creceu exponencialmente ano a ano.
“Dende o Concello”, destaca o Alcalde, “estamos moi satisfeitos por estes datos e pola positiva valoración que os veciños de Monforte fan deste servizo, que se traduce nun incremento de uso moi significativo se o comparamos con anos anteriores á posta en marcha da gratuidade do servizo, pois en 2019 foron 14.422 os usuarios, e un incremento progresivo, desde que entrou en funcionamento en 2020. De 2019 a 2023, incrementamos os usuarios en 54.235, un 376% máis”.
O rexedor monfortino destaca que “a tenor destes datos, dende o inicio da posta en funcionamento do novo Bus Urbano, este tivo unha excelente acollida por parte dos cidadáns, alcanzando cifras moi elevadas de uso. Por iso, dende o Equipo de Goberno do Concello estamos moi satisfeitos coa valoración que fan do servizo os monfortinos e monfortinas que se traduce nun incremento de uso moi significativo se o comparamos con anos anteriores. Podemos asegurar que o bus urbano de Monforte conta cunha alta aceptación social que se reflexa no incremento de viaxeiros ano a ano, o que demostra o acertado e o éxito desta medida”.
Desglose de usuarios
Segundo datos facilitados pola empresa concesionaria do servizo, por meses, o número de usuarios en 2023 foi o seguinte:
Mes |
Número de viaxeiros |
Xaneiro |
5.480 |
Febreiro |
5.318 |
Marzo |
6.591 |
Abril |
4.326 |
Maio |
6.198 |
Xuño |
5.929 |
Xullo |
5.152 |
Agosto |
5.814 |
Setembro |
6.480 |
Outubro |
6.626 |
Novembro |
5.886 |
Decembro |
4.857 |
Total |
68.657 |
Bus urbano de Monforte: Éxito do servizo de transporte dende o primeiro día
O Bus urbano municipal que comezou o seu servizo no Concello de Monforte o 1 de febreiro de 2020 é un caso único en Galicia e practicamente en toda España xa que, ademais de contar cun vehículo novo, moderno, adaptado para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade, e accesible a todos os cidadáns, o servizo destaca por ser de carácter gratuíto para todos os seus usuarios.
Neste senso, o Alcalde subliñou que “dende a posta en marcha do servizo, o novo bus urbano monfortino suscitou a atención doutras cidades e concellos de Galicia e tamén de numerosos medios de comunicación, non só da provincia, senón tamén do resto da Comunidade Autónoma e incluso do panorama nacional, medios que se achegaron ata Monforte para facer reportaxes e directos dende o propio bus. Isto permítenos afirmar que Monforte é unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.
“Os excelentes datos de usuarios que vimos de comunicar hoxe permítennos afirmar que este novo autobús de transporte municipal público e gratuíto está a cumprir co fin social para o que foi ideado.” Para o Equipo de Goberno de Monforte, o fomento do transporte público forma parte esencial das políticas sociais do goberno municipal.
Principais características do novo Autobús urbano de Monforte
O Autobús Municipal que comezou o seu servizo regular o pasado 1 de febreiro de 2020, trátase dun vehículo novo, da marca Mercedes Sprinter 519 City Line que conta coas seguintes características:
- Dispón de 36 prazas, 21 sentadas e 15 de pé, e para elo vai dotado das barras de subxección verticais e horizontais regulamentarias.
- Conta con 2 prazas para persoas con mobilidade reducida, o que se denominan prazas PMR.
- Ten unha plataforma ou rampla de acceso para discapacitados ou persoas con mobilidade reducida, e conta cunha porta de servizo de dobre folla.
- Conta cun máquina rexistradora de usuarios, que lle permitirá facilitar datos mensuais de viaxeiros ou de facturación se fose o caso no futuro, para coñecer o uso que fan deste servizo os cidadáns.
- Leva incorporada unha pantalla de televisión informativa con datos facilitados polo Concello, para que os usuarios poidan saber a ruta, os horarios e incluso avisos ou mensaxes publicitarias e comerciais.
- Ademais, proporciona información sonora mediante altavoces no teito de próxima parada que permitirá coñecer a todos os usuarios, e especialmente ós invidentes, coñecer dita información.
- Posúe conexión Wifi con acceso gratuíto a Internet e puntos de recarga USB para dispositivos móbiles, para facilitar a todos os usuarios o uso dos seus dispositivos electrónicos durante as viaxes. O nome da rede e a clave de acceso están visibles na parte dianteira do autobús (usuario: RUT950_F9a2; contrasinal: z8V9Usc4).
- Xeolocalizador GPS que permite o seguimento da posición do vehículo en tempo real. Isto poderá facelo cada usuario descargándose a aplicación “Locatel” (usuario: bus2020; contrasinal: urbano). É esta unha ferramenta moi útil porque dende un móbil poderase saber en cada momento por onde circula o autobús.
- Conta co sistema “Alcolock”, que impide que un condutor baixo a influencia do alcohol poida conducir. Para elo o condutor debe soprar por un dispositivo que so permitirá o arrincado do vehículo se non detecta alcohol no chofer.
- Detector de fatiga do condutor, mediante unha cámara situada fronte ó asento daquel.
- Desfribilador Externo Semiautomático (DESA): cardioprotexido e con tipo de descarga dobre, para nenos e para adultos.