Monforte de Lemos, 1 de marzo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a apertura do prazo para inscribirse na “XIV Carreira Popular Concello de Monforte 2024” que se celebrará o domingo 28 de abril de 2024, e tal como anunciara hai uns días o rexedor monfortino.
Tratase da edición número 14 deste xa tradicional evento deportivo na cidade, e neste senso, o rexedor monfortino subliñou que “seguimos adiante coa organización do que é un dos eventos deportivos máis importantes do noso Concello, e para elo todas as persoas interesadas en inscribirse na 14ª edición desta carreira, xa o poden facer, de xeito totalmente gratuíto, a través da páxina web www.monforte10k.com ou da plataforma de inscricións www.ccnorte.com”.
O evento, organizado polo Concello de Monforte a través da Concellería de Deportes, contará cun percorrido de 10 km para a carreira absoluta, completamente urbano e que transcorrerá polas rúas máis céntricas da cidade, así como percorridos para as carreiras de categorías menores de diferentes distancias en función da idade das persoas participantes. En concreto, serán catro probas de menores de 80, 700, 1.300 e 2.000 metros, tendo todas elas terán saída e meta na Explanada da Compañía ó carón dos Escolapios.
Diferentes probas
O evento contará cunha carreira absoluta de 10.000 metros cun percorrido completamente urbano, e catro probas de menores, de 80, 700, 1.300 e 2.000 metros. Todas elas terán saída e meta na Explanada da Compañía ó carón dos Escolapios.
O percorrido da carreira absoluta será o seguinte: Saída da Praza da Compañía – Paseo de Lugo – Carude – San Lázaro – Reboredo – Dalmiro de La Válgoma – Escultor Francisco Moure – Rúa Sarria – Avda. de Galicia – Rúa Hortas – Rúa Dr. Casares – Paseo do Malecón – Ponte Vella – Rúa Antonio Méndez Casal – Praza Campo de San Antón – Rúa Ourense – Avda. de Galicia – Rúa Cardeal - Escultor Francisco Moure – Praza da Compañía.
Trátase dun percorrido de 5 km. ó que os participantes terán que dar dúas voltas.
Todas as carreiras, incluídas as carreiras de categorías menores, contarán cun sistema de cronometraxe con chip, a excepción da carreira de categoría mini que non é competitiva.
Premios
Os premios que se establecen para os/as mellores atletas de cada categoría son os seguintes:
- Premios por categorías: trofeo conmemorativo do evento ós/ás tres primeiros/as clasificados/as de cada unha das categorías excepto na categoría mini na que todos/as os/as participantes que crucen a liña de meta recibirán unha medalla e unha bolsa de lambetadas.
- Premios clasificación xeral: os/as tres primeiros/as clasificados/as da carreira absoluta recibirán trofeo.
- Premios económicos: os/as tres primeiros/as clasificados/as da carreira absoluta recibirán premio económico segundo as seguintes cantidades:
- 1º clasificado: 300 €
- 1ª clasificada: 300 €
- 2º clasificado: 200 €
- 2ª clasificada: 200 €
- 3º clasificado: 100 €
- 3ª clasificada: 100 €
- Premios especiais da carreira absoluta: haberá premio especial de trofeo e agasallo para os/as 3 primeiros/as clasificados/as locais (empadroados/as en Monforte).
- Premios por equipos: recibirán trofeo os tres mellores equipos clasificados na carreira absoluta. Estes equipos deberán ser obrigatoriamente mixtos (50% homes e 50% mulleres) e estarán compostos por un mínimo de 4 compoñentes (dous homes e dúas mulleres) e un máximo de 6 compoñentes (tres homes e tres mulleres).
Todos/as os/as participantes recibirán avituallamento sólido e líquido ó finalizar a carreira así como un agasallo conmemorativo do evento.
Inscricións colectivas para colexios de Monforte
Os centros educativos de Monforte teñen a opción de realizar a inscrición colectiva ata o martes 16 de abril. Deste xeito o Concello entregará os dorsais dos alumnos participantes ó centro educativo con antelación.
Entrega de dorsais por adiantado
Para evitar masificacións o día da carreira, a entrega de dorsais dos/das atletas que se inscriban de xeito individual, realizarase por adiantado nos seguintes puntos de recollida:
- Oficina Municipal de Deportes (Casiñas da Compañía):
- Venres 26 de abril: de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h.
- Sábado 27 de abril: de 9:00 a 14:00 h.
- Puntos de recollida fora de Monforte: haberá puntos de recollida fora de Monforte e espallados polas catro provincias para facilitar a recollida do dorsal a todas as persoas participantes que non vivan en Monforte.
- Envío do dorsal a domicilio: Será necesario indicar o punto de recollida do dorsal durante o procedemento de inscrición.