O Concello informa do corte ó tráfico do paso a nivel da rúa Reboredo por obras de mellora na vía a cargo de ADIF

Monforte de Lemos, 1 de abril de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa do corte do tráfico do paso a nivel situado na rúa Reboredo, no punto quilométrico 2+445 da vía férrea, debido ás obras de mellora que o ADIF está a levar a cabo na vía férrea Monforte de Lemos-Ourense.

Segundo comunicaron os responsables de ADIF ó Concello, o corte producirase dende as 8 horas deste mércores 3 de abril e ata as 8 horas do luns 15 de abril de 2024.

Estes traballos enmárcanse no proxecto de renovación de vía na liña 810 Monforte de Lemos-Ourense, e dado que a execución dos citados traballos require de varios días para efectualos, é necesario levar a cabo o citado corte total do tráfico no paso a nivel existente na rúa Reboredo, tras finalizar hai uns días os traballos que obrigaron a pechar o paso a nivel da rúa Escultor Francisco Moure.

Estas obras forman parte do investimento de 550 millóns de euros que o Goberno de España destinou para  modernizar a vía Ourense-Monforte de Lemos-Lugo.

 

Itinerario alternativo

O itinerario alternativo consecuencia do citado corte de tráfico será sinalizado a través de sinaléctica oficial a cargo da Policía Local e será o seguinte:

Para o corte deste paso, o tráfico de entrada a Monforte desviarase pola N-120 de forma que se sinalizará no punto de enlace desta con dita rúa para dirixilo cara a seguinte saída por Rúa Benito Vicetto, colocándose sinais informativas a ambos lados.

Para o tráfico de saída de vehículos que procedan de Monforte centro e que pretendan acceder dirección N-120 ou Polígono Industrial do Reboredo, establecerase como ruta alternativa a vía asfaltada que enlaza as estradas LU-P-3201 (Monforte-Sober) a altura de Piñeira coa LU-P-3205 á altura do enlace para a parroquia de Guntín.

Do mesmo xeito, sinalizarase tamén en rúa Compañía para que os usuarios que así o desexen accedan por rúa Francisco Moure e Benito Vicetto a N-120, e desde esta ó Polígono industrial do Reboredo e restantes vías da zona.

O Concello informará de novos cortes nos distintos pasos a nivel da cidade, unha vez que avancen estas obras de mellora na liña férrea e sexan comunicados polo ADIF.