O Executivo de José Tomé destina 12.000€ en axudas a asociacións e entidades que promovan actuacións en servizos sociais e inclusión social no ano 2024

Monforte de Lemos, 20 de abril de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Equipo de Goberno aprobou, na Xunta de Goberno celebrada o pasado 15 de abril, as bases para a convocatoria anual de subvencións a entidades e asociacións sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que desenvolvan actuacións no ámbito dos servizos sociais e da inclusión social no Concello de Monforte, durante o exercicio 2024.

“Con estas axudas” sinala o Alcalde, José Tomé Roca, “dende o Goberno municipal queremos facilitar a estas entidades recursos para a inclusión social, para garantir a autonomía persoal e para brindar oportunidades sociais e educativas, así coma axudar a previr a aparición de dependencia, desigualdade ou desprotección a aquelas persoas máis vulnerables”.

Esta liña de axudas posta en marcha polo Equipo de Goberno busca fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios de entidades de iniciativa social, previamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, atendendo ó seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.

A contía destinada a estas subvencións para actividades realizadas no ano 2024, concretamente no período 01/01/2024 ó 30/11/2024, ascende a 12.000 euros, sendo 2.000 euros a contía máxima de cada subvención. Do mesmo xeito, como regra xeral o importe máximo da subvención para cada proxecto ou actividade non poderá exceder do 75% do seu orzamento.

No procedemento de valoración da contía da subvención, terase en conta a memoria técnica do proxecto que será valorado consonte ós  criterios de valoración (Base décimo primeira). O cálculo da subvención basearase no valor punto que será o resultado de dividir  o importe total do proxecto subvencionable do correspondente exercicio (custe do proxecto menos os ingresos previstos) entre a puntuación máxima que se pode obter (20 puntos).

Unha vez publicada esta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, onte venres 19 de abril, o prazo de solicitude para estas axudas é de 20 días hábiles, polo que estará aberto dende o vindeiro luns  22 de abril ata o martes 21 de maio de 2024.

As entidades interesadas deberán presentar a solicitude e documentación complementaria obrigatoriamente por medios electrónicos a través do procedemento específico dispoñible  na Sede Electrónica do Concello de Monforte de Lemos.

Establécese como prazo para a xustificación dos proxectos executados no exercicio 2024 ata o día 1 de decembro de 2024 incluído.

 

Beneficiarios e requisitos

As entidades que poderán optar a ser beneficiarias destas subvencións de carácter social, serán aquelas que realicen actividades ou desenvolvan proxectos de interese social para o municipio de Monforte de Lemos e deberán cumprir os seguintes requisitos:

  1. Ter a súa razón social ou unha delegación no Concello de Monforte de Lemos.
  2. Carecer de ánimo de lucro.
  3. Estar inscritas no Rexistro municipal de asociacións do Concello de Monforte de Lemos como asociación de clase asistencial.
  4. Dedicarse, con carácter preferente en concordancia cos seus estatutos, ás actuacións recollidas no base primeira.
  5. Estar ao corrente das súas obrigas tributarias co Concello, coa Seguridade Social e Axencia Tributaria.
  6. Non incorrer en ningún dos supostos de prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións públicas previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
  7. Que a actividade para a que solicitasen a subvención estivese prevista dentro dos obxectivos da entidade e acorde co establecido na base terceira das bases reguladoras e recollidos nos seus estatutos fundacionais e se realicen no termo municipal de Monforte de Lemos.
  8. Ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade nos termos que se fixasen nas correspondentes convocatorias.

Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Quedan excluídas da presente convocatoria as entidades e asociacións de carácter exclusivamente cultural, veciñal, xuvenís, deportivas, ANPAS e profesionais.

 

Actividades obxecto de subvención

Son obxecto de subvención o desenvolvemento de actividades e proxectos de carácter social que teña como persoas destinatarias últimas calquera dos colectivos das distintas áreas de actuación propias dos servizos sociais, primando aqueles colectivos de persoas que por razón de índole económica, de saúde ou concorrencia de circunstancias sociais, étnicas ou culturais sufran especiais dificultades respecto da xeneralidade de poboación de precisen dunha atención específica para garantir o acceso a calidade de vida e participación social.

 

Solicitudes e documentación

As entidades interesadas deberán presentar a solicitude e documentación complementaria obrigatoriamente por medios electrónicos a través do procedemento específico dispoñible  na Sede Electrónica do Concello de Monforte de Lemos.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

  • Copia do CIF da entidade solicitante.
  • Fotocopia compulsada do NIF en vigor da persoa física que actúen en representación.
  • Acreditación da representación.
  • Comunicación de datos bancarios debidamente asinada.
  • Memoria do proxecto descritivo da actividade asinado pola persoa representante con especificación da data, lugar de realización, responsables do desenvolvemento da actividade, obxectivos e fins, temporalización, metodoloxía e avaliación  a que se destinarán os fondos, de acordo co baremo que figura no punto 12 das bases da convocatoria.
  • Escritura de constitución da asociación ou entidade e estatutos vixentes coa composición actualizada da Xunta directiva, para aquelas entidades que participen por primeira vez nesta liña de axudas.
  • Orzamento estimado de ingresos e gastos da actividade con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.
  • No seu caso, documento de declaración de entidade de utilidade pública.
  • No seu caso, plan de igualdade vixente.

O Concello comprobará de oficio a inscrición no Rexistro municipal de Asociacións e a non existencia de débedas coa Facenda municipal.

 

Criterios de outorgamento e ponderación

A adxudicación das subvencións farase en concorrencia competitiva tendo en conta os principios de igualdade, transparencia, non discriminación e obxectividade, e as puntuacións alcanzadas serán as que determinan as subvencións obxecto de concesión conforme aos seguintes criterios de valoración, tendo en conta que cada proxecto poderá ser valorado cun máximo de 20 puntos:

  1. Calidade e contido técnico do proxecto cun máximo de 12 puntos desagregados do seguinte xeito:
  • Calidade do proxecto: ata 6 puntos.
  • Temporalización das actividades e sostibilidade no tempo: ata 2 puntos.
  • Atención a tipoloxía de necesidades atendidas: ata 4 puntos.
  1. Incidencia social do proxecto cun máximo de 5 puntos desagregados do seguinte xeito:
  • Número persoas participantes: ata 2 puntos.
  • Apertura actividades: ata 1 punto.
  • Declaración da entidade como entidade de Utilidade Pública: 1 punto.
  • Plan de igualdade vixente: 1 punto.
  1. Traxectoria da entidade, cun máximo de 3 puntos.

 

BASES 2024

Publicación no BOP