Monforte de Lemos, 19 de abril de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que na mañá de hoxe vense de rotular a marquesiña da parada de taxis do Concello, ubicada na avenida de Galicia.
“Dado que esta marquesiña conta con paneis de cristal transparente, con esta rotulación contribuímos a mellorar a súa visibilidade tanto para os usuarios como para os propios taxistas, á vez que a personalizamos coa imaxe e escudo oficial do Concello” explica o Alcalde.
Os traballos consistiron na rotulación dos tres vidros da marquesiña mediante vinilo glaseado con efecto ácido, nos que se inclúe o texto identificativo da parada de taxis e o número de teléfono da mesma, así como o escudo oficial do Concello.
Do mesmo xeito, tamén se colocou un pictograma cun símbolo dun teléfono realizado en vinilo decorativo en color negro ubicado nas tres caras do caxetín que contén o teléfono onde os taxistas reciben as chamadas dos clientes.
Dende o Equipo de Goberno seguen así a mellorarse as infraestruturas da cidade, para ofrecer mellores servizos ós monfortinos e monfortinas.