A Tenente de Alcalde acude á presentación da primeira edición do “Marida Maio”, en representación do Alcalde, organizada pola delegación sur da APEHL

Monforte de Lemos, 15 de maio de 2024. A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, acudiu, acompañada polo Concelleiro de Servizos, José Luis Losada, á presentación da primeira edición dun novo evento  enogastroturístico deniminado  “Marida maio” que é organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) e que conta coa colaboración do Concello de Monforte e o patrocinio da Deputación de Lugo.

A presentación tivo lugar ás 19:30 h no Centro do Viño de Monforte e contou ademais coa presencia do presidente da APEHL, Cheché Real, a Deputada da Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, así como membros da Corporación municipal, e do sector da hostalería e do turismo.

A Tenente de Alcalde, que asistiu ao evento en representación do Alcalde, José Tomé, do que desculpou a súa ausencia ante a súa imposibilidade de chegar a tempo á cita por motivos de axenda coma Presidente da Deputación de Lugo, quixo agradecer e poñer en valor o traballo que a APEHL está a facer coa creación desta iniciativa, “unhas xornadas etnogastroturísticas que se traducirán nun impulso económico para Monforte e para a Ribeira Sacra. En concreto, ensalzarán a calidade dos nosos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, así como da oferta gastronómica dos nosos establecementos hostaleiros”.

Neste senso, a representante municipal reafirmou o compromiso do Equipo de Goberno en seguir apoiando iniciativas coma esta, “que contribúan á dinamización da nosa hostalería na nosa cidade e na comarca, que sexan un reclamo para que a xente se anime a visitar Monforte e a Ribeira Sacra”.

A Tenente de Alcalde rematou a súa intervención felicitando ós organizadores do Marida Maio, e desexándolles “que as xornadas sexa todo un éxito, como o son outras iniciativas que organiza a Asociación, como o Cume Tapas ou o Estase Cocendo”.

E animou a todo o mundo a participar destas xornadas “porque creo que son unha oportunidade excepcional para coñecer e disfrutar dos nosos produtos gastronómicos e turísticos”.

Neste senso,  este novo evento ideado pola APEHL consiste en presentacións dos viños das bodegas participantes xunto cos pinchos dos establecementos hostaleiros, ós que tamén se unen empresas turísticas para dar a coñecer os seus servizos.

Estes encontros terán lugar no Centro do Viño os xoves 16, 23 e 30 de maio, cunha duración dunha hora e media, desde ás 19:30 h ata ás 21:00 h., e a asistencia é de balde.

Non obstante, a capacidade máxima de persoas permitida por día é de 30, por iso se necesita realizar a inscrición previa nos teléfonos 982 412 050 ou no 982 404 715.

Nesta primeira cita do Marida Maio participaron as bodegas Val do Frade e Cruceiro, o restaurante monfortino Manuel Bistró e a Fundación Belarmino Fernández Iglesias de Sober.