O Alcalde supervisa os traballos de colocación do AZUD desmontable de Cobas

Monforte de Lemos, 20 de maio de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luis Losada, supervisou, na mañá de hoxe os traballos de colocación do AZUD desmontable da Lagoa da Pinguela, no Parque de Cobas.

A colocación desta presa desmontable, lévase a cabo durante a primavera para darlle continuidade lonxitudinal ó cauce natural do río Cabe e, ó mesmo tempo, mellorar a recarga subterránea da auga da lagoa, creando unha lámina de auga semellante á que consigue crear a presa do Parque dos Condes.

En época de estiaxe, a lagoa é máis sensible ás variacións que poida haber no río Cabe, xa que, debido ós caudais é mais difícil a recarga superficial da mesma a través do canal de entrada na lagoa.

Este AZUD desmontable retírase no inicio do outono, coa volta das choivas, para facilitar o paso da auga e evitar danos na medida do posible.

 

Antecendentes

No ano 2016, a forza da auga rompera o vello AZUD da Pinguela, e a partir dese momento dende o Executivo de José Tomé iniciáronse as xestións para repoñer esa presa para que nese entorno que se estaba acondicionando do novo parque de Cobas, houbera unha lámina de auga que lle dese unha mellor presencia ó paso do río Cabe por esa zona.

En xaneiro do ano 2022, en rolda de prensa e acompañado polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, o Alcalde presentou o proxecto de acondicionamento da lagoa da Pinguela e a construción dunha nova presa desmontable (AZUD), unha actuación que supoxo un antes e un despois para a zona desta lagoa e o parque de Cobas, e que complementou unha ampla zona de recreo de preto de 3 hectáreas (30.000 m2. O investimento para levar a cabo esta actuación foi de 612.000€.

O proxecto, que se desenvolveu ó longo do ano 2012, foi inaugurado por José Tomé e José Antonio Quiroga en decembro dese mesmo ano. Ademais da instalación desta nova presa desmontable, supuxo o acondicionamento da lagoa da Pinguela e tamén se levou a cabo a construción dun paseo que conforma un circuíto ó seu arredor, completándose así unha ampla zona de recreo de preto de 3 hectáreas do Parque de Cobas.

Polo que respecta á nova presa desmontable, previamente executouse a demolición completa dos restos do AZUD que quedaba no cauce do río, provocada pola erosión que produciran as choivas do ano 2016.

Así, acondicionouse ese cauce cun muro de protección contra a erosión, para poder controlar os efectos que puidera ter o río Cabe neste brazo do río, que tan solo transportaría auga no caso de riadas ou aumentos de caudal.

Para substituír a vella presa, cuxos restos foron retirados para darlle continuidade ó cauce do río (en cumprimento da normativa europea, os cauces dos ríos teñen que ter garantida a conexión lonxitudinal do seu cauce), construíuse un AZUD desmontable que permite dar esa continuidade lonxitudinal ó cauce natural do río Cabe e, ó mesmo tempo, mellora a recarga subterránea da auga da lagoa, creando unha lámina de auga semellante á que consigue crear a presa do Parque dos Condes.

Tamén se incluíu a construción dunha escala de peixes de madeira para garantir a permeabilidade lonxitudinal da fauna piscícola ó longo do río e que o AZUD non supoña un obstáculo para a diversidade da zona.