O Alcalde anuncia as datas da visita oficial do Duque de Alba a Monforte, o 28, 29 e 30 de xuño, onde será nomeado Fillo Adoptivo da cidade

Monforte de Lemos, 5 de xuño de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa os detalles da Visita Oficial que o XIX Duque de Alba e XXIII Conde de Lemos, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, fará a Monforte, e que será o 28, 29 e 30 de xuño de 2024.

Antecedentes

O rexedor monfortino deu conta do proceso que como Alcalde levou a cabo para conformar esta Visita Oficial do actual Conde de Lemos a Monforte.

O día 27 de setembro do pasado ano 2023, con ocasión dun acto no Palacio de Liria en Madrid, durante unha conversación co Duque de Alba, o Alcalde fíxolle unha invitación verbal para que visitara o Concello de Monforte, do que tamén e Conde de Lemos.

Con data 30 de novembro de 2023, o rexedor monfortino formalizou oficialmente por escrito a invitación, tendo como horizonte para a visita oficial a finais da primavera ou a principios do verán de 2024.

Con data 12 de decembro de 2023, o Duque remitiu unha carta ó Alcalde na que manifesta que aceptaba a invitación, dicindo que “lle facía moita ilusión”, pola vinculación da Casa de Alba con Monforte, e na que expresou ademais que viría cos seus fillos, quedando á espera de que se fixase a data definitiva da visita oficial.

Despois de varios contactos telefónicos e correos electrónicos entre a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Secretaria Persoal do Duque, con data 15 de maio de 2024, o Alcalde remitiu unha nova carta propoñendo datas específicas durante o presente mes de xuño, concretamente os días 28, 29 e 30.

Finalmente o día 27 de maio, o Alcalde recibiu a resposta oficial do Duque de Alba e Conde de Lemos, aceptando as datas e o programa proposto, comunicando que, ademais dos fillos, tamén viría acompañado por un amigo persoal, Javier del Arco, as súas noras e a súa secretaria persoal.

 

Programa da visita oficial do Duque de Alba e Conde de Lemos

O venres día 28 de xuño, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo ten prevista a súa chegada en AVE a Ourense ás 18:36 h., onde será recollido e trasladado ó Parador de Turismo de Monforte, no que se instalará, ceará en familia e pernoctará.

O sábado 29 de xuño, ás 11:00h será recibido na Casa do Concello de Monforte polo Alcalde e polos membros da Corporación municipal que queiran estar presentes.

Seguidamente, será recibido polo Alcalde no despacho de Alcaldía, onde asinará no Libro de Honra e manterán unha breve reunión privada.

Ás 11:30 h., celebrarase un Pleno Extraordinario da Corporación en Sesión Solemne, que será público, durante o que se lle fará Entrega dos Atributos do Nomeamento de Fillo Adoptivo de Monforte de Lemos a D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo.

Os Atributos serán os seguintes:

  • Certificado do acordo do Pleno de Nomeamento como Fillo Adoptivo.
  • Diploma acreditativo.
  • Medalla Oficial conmemorativa do Concello.
  • Insignia Oficial do Concello.

Rematado o Pleno, ás 12:30 h. realizarase unha visita ó Museo das Clarisas, de Arte Sacro e Arte Italiano dos séculos XVI e XVII,  “que é unha das dúas visitas que o Duque manifestou interese, xunto cos Escolapios”, sinalou o Alcalde.  

Ás 14:00 h. celebrarase o Xantar Oficial no Parador de Turismo de Monforte.

Xa pola tarde, ás 18:00 h., terá lugar a visita ó Colexio da Nosa Señora da Antiga-Escolapios, para despois dar un pequeno paseo polo Casco histórico de Monforte.

A xornada rematará ás 19:30 horas, momento en que o Duque retirarase ó Parador.

O domingo 30 de xuño, o Duque e os seus acompañantes desprazaranse ata Lugo para levar a cabo, as 10:30 h. a Visita Oficial á Deputación Provincial de Lugo. Nela, será recibido polo Presidente no despacho presidencial, asinará no Libro de Honra na Sala de Xuntas de Presidencia e realizará unha visita polo Palacio Provincial.

Ás 11:30 h. está prevista a saída para Monforte e ás 12:30 h. terá lugar unha visita á Adega Algueira, na que coñecerán o proceso de elaboración do viño, participarán nunha cata demostración, seguida dun ágape.

Finalmente, ás 13:30 h. rematará a Visita Oficial do Conde de Lemos e Duque de Alba, que sairá para Ourense para coller o AVE.

Pleno extraordinario

Para poder nomealo Fillo Adoptivo de Monforte, o Alcalde anunciou a celebración dun Pleno extraordinario, o próximo mércores día 12 de xuño ás 18:30 h., no que tamén se aprobará a licitación das obras de mellora da Piscina municipal.

Visita histórica para Monforte do Conde de Lemos e Duque de Alba

O Alcalde resaltou na súa intervención que “sen dúbida, esta é unha visita moi importante para Monforte, pola relación histórica da Casa de Alba con Monforte, como herdeiros dos Condes de Lemos, condado do que son titulares na actualidade, xa que o actual Duque é o XXIII Conde de Lemos e o XIX Duque de Alba”.

Engadiu José Tomé que “tampouco teño dúbidas da importante promoción e proxección que vai supoñer para Monforte, co conseguinte beneficio que terá cara o futuro para o comercio, a hostalería e o turismo en xeral”.

E expresou o seu convencemento de que “os monfortinos e as monfortinas van acoller esta visita con moito cariño e que tamén van participar como público no Pleno do Concello e tamén na visita polas rúas do Casco Vello de Monforte.”