Monforte de Lemos, 6 de xuño de 2024. O Concello de Monforte iluminará mañá venres 7 de xuño na tarde noite a Torre da Homenaxe de cor vermello con motivo do Día Mundial da Hemocromatosis.
O Concello súmase así a unha iniciativa denominada “Light Up Red” que a Internationnal Alliance of Haemochromatosis Associations (IH) e a Asociación Española de Hemocromatosis (AEH) promove a nivel mundial coincidindo coa Semana Mundial da Hemocromatosis.
A hemocromatosis é unha enfermidade hereditaria do metabolismo do ferro que produce unha absorción deste no tubo dixestivo superior ás perdas diarias do organismo. Isto ocasiona un depósito excesivo de ferro no organismo.
Estímase que ao redor de 45.000 españois e españolas (1:1000) teñen predisposición xenética á sobrecarga de ferro, pero lamentablemente moi poucas persoas saben que a súa saúde pode estar en risco debido a esta afección. Esta predisposición pode levar a que se absorba e almacene demasiado ferro da dieta no organismo, provocando danos, ás veces irreversibles se non se trata, en órganos tan vitais como o fígado, bazo, corazón cerebro etc.
Aínda que é un trastorno coñecido desde hai moito tempo pola medicina, actualmente a hemocromatosis está infra diagnosticada, en parte porque a conciencia pública sobre a afección é baixa, pero tamén porque os seus síntomas, que inclúen fatiga, depresión e dor nas articulacións, confúndense cos doutras enfermidades.