O Alcalde de Monforte preside os actos na honra de San Antonio

Monforte de Lemos, 13 de xuño de 2024. Hoxe xoves 13 de xuño, festéxase o día grande das Festas de San Antonio e como é tradición, volvéronse a celebrar os actos das honras ao santo, sendo día festivo en Monforte.

Desta forma, a comitiva institucional, encabezada polo Alcalde, José Tomé Roca, e acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, os concelleiros de Servizos, José Luis Losada, e Consumo, Regina López, así como diversos membros da Corporación Municipal, asistiu ás 12.30 horas, á Misa solemne na honra de san Antonio.

Tras a celebración eucarística, tal e como marca a tradición,  tivo lugar unha procesión coa imaxe polas rúas próximas á igrexa na que os devotos lanzaron pétalos de rosas á imaxe do Santo. A continuación procedeuse á degustación dun viño da Ribeira Sacra e un aperitivo organizado pola comisión de Festas na praza do Campo de Sa Antonio.

“O San Antonio, que é festivo local no noso Concello xunto co Martes de Pascua, é unha festa que, celebrándose no centro da cidade, no barrio de San Antonio, mantén a esencia dunha festa relixiosa popular que ten moita devoción e moitos participantes. Eu considéroas, como digo sempre, despois das de agosto como as segundas Festas Patronais da cidade ”, manifestou o rexedor monfortino.

“Hai que ter en conta que o día 13 é festivo local e ademais están ubicadas no centro da cidade e isto, posibilita a participación de todos os veciños de Monforte e tamén dos que nos visitan de fora da cidade.”

Pois dende o Concello de Monforte apórtase unha axuda de 1.000 € para estas festas, que se enmarca nunha liña de axudas de 32.000€ para a celebración de festas de barrios e parroquias de Monforte, un 60% máis que en 2023, porque dende o Concello, “queremos apoiar e incentivar a realización das festas das nosas parroquias e dos nosos barrios”, conclúe o Alcalde.