Monforte de Lemos, 24 de xuño de 2024. O Concello de Monforte súmase ós actos de celebración do Día Internacional dos dereitos das persoas LGTBI - Día do Orgullo que terá lugar o vindeiro venres 28 de xuño en todo o mundo.
Deste xeito, e tal como se veu facendo polo Equipo de Goberno do Concello en pasadas edicións, hoxe procedeuse a colocar no balcón da Casa Consistorial a bandeira arco iris, símbolo en todo o mundo da comunidade LGTBI (lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais, así como todas as persoas que non están recollidas nas denominacións anteriores) para conmemorar o Día Internacional dos dereitos das persoas LGTBI+.
A bandeira permanecerá pendurada dende o luns 24 de xuño ó luns 1 de xullo, tal e como se veu facendo todos estes anos en que se conmemorou dende o Concello monfortino.
Con este sinxelo xesto, pero cun valor e un significado moi grande, o Concello de Monforte quere representar o seu compromiso pola igualdade, a liberdade e a diversidade e o seu rexeitamento ás discriminacións dirixidas a calquera persoa pola súa condición sexual.
A través desta iniciativa, o Alcalde, José Tomé Roca, manifestou, en nome de todos os veciños e veciñas de Monforte “o noso apoio institucional e social a esta celebración do Día do Orgullo LGTBI+, co obxectivo de facer visible á nosa sociedade a diversidade sexual, á vez que promovemos a igualdade, liberdade e o respecto de todas as persoas”.
“Dende o Concello de Monforte”, continuou o mandatario municipal, “condenamos a discriminación ou calquera outra forma de violencia, tanto física como verbal, e exercida contra calquera persoa ou colectivo, ben sexa por razóns de orientación ou identidade sexual ou ben sexa por calquera outro motivo que supoña un ataque ós dereitos fundamentais e liberdades das persoas”.
Neste senso, o Equipo de Goberno do Concello considera fundamental afondar na educación da cidadanía sobre diversidade sexual, a través de programas de concienciación e sensibilización que acheguen información á veciñanza e de actos simbólicos coma este que vimos de anunciar.
O Alcalde rematou sinalando que “dende o Concello de Monforte queremos promover valores de respecto cara a diversidade de orientación sexual e identidade de xénero e contribuír así ao avance na consecución dos dereitos, a visibilidade e a normalización da vida de todo o colectivo LGTBI.”.