O Alcalde inaugura a edición máis multitudinaria do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, coa participación de 34 adegas

Monforte de Lemos, 5 de xullo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de hoxe a sexta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará do 5 ó 7 de xullo no paseo do Malecón da cidade.

No acto, estivo acompañado por unha ampla representación institucional, ademais do pregoeiro desta edición, que foi Antonio Lombardía Crespo, Presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra.

Un dos aspectos máis destacados desta sexta edición é o incremento no número de adegas participantes, que aumentou en catro con respecto á edición de 2023 e en 7 con respecto a 2022, participando neste ano 34 adegas, que supoñen o número máis alto de participación nas 6 edicións que se levan celebrado do Festival do Viño. Todas estas adegas ofrecerán ó visitante a posibilidade de degustar e gozar dunha ampla variedade de viños que non deixarán indiferente a ninguén, nunha contorna natural, tranquila e confortable á beira do Río Cabe.

Neste senso, o Alcalde iniciou a súa intervención agradecendo ós adegueiros e adegueiras “o seu compromiso,  esforzo e pola colaboración, porque gracias á vosa xenerosidade imos poder disfrutar dun evento que proxecta a calidade e a excelencia dos nosos viños nun mercado moi amplo e que fai de reclamo para a comarca de Lemos e para a Ribeira Sacra, como a min me gusta dicir, un anaco de Paraíso no interior de Galicia”.

 

O viño, un dos piares esenciais na economía de Monforte e da Ribeira Sacra

O Festival do Viño da Ribeira Sacra é unha iniciativa do Concello de Monforte que botou a andar en 2017 en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, e que naceu debido a que o viño foi o elemento central do desenvolvemento e do crecemento exponencial que tivo a Ribeira Sacra nos últimos 25 ou 30 anos en todos os aspectos, cultural, paisaxístico, gastronómico, artesán, turístico e no sector vitivinícola. “promocionar os nosos viños é o mesmo que promocionar a Ribeira Sacra no seu conxunto”.

Desta forma, dende o Executivo de José Tomé, para levar a cabo esta promoción ideouse unha proposta diferente cun amplo e completo programa de actividades que xiran en torno ó viño, que é o auténtico protagonista do Festival. “O traballo feito polo sector do viño nas últimas tres décadas, merece este esforzo, e danos argumentos para sentirnos orgullosos do que temos alcanzado”, destacou o Alcalde.

“Esta mostra de viño”, salientou o Alcalde, “formada por adegas que representan ás distintas subzonas da D.O. Ribeira Sacra, reforza a imaxe do sector vitícola e dun destino turístico que está de moda e que xira, entre outras cousas, entorno á cultura do viño. Un turismo de experiencias, familiar, tranquilo e de calidade, que son as mesmas características que posúe o noso Festival”.

O sector do viño é hoxe unha peza clave na economía da comarca, e nel compaxínase a tradición do cultivo en terraza coa innovación tecnolóxica na elaboración dun viño de calidade en bodega, que compite con calquera denominación do Estado español, e tamén no eido internacional, como atestiguan os premios acadados nos eventos estranxeiros.

Tamén aludiu José Tomé ó “momento actual de dificultade que pode estar a atravesar o sector do viño”, a pesares do cal, “o sector ten por diante un gran potencial, e temos que contribuír a que siga medrando, buscando novas estratexias de posicionamento nos mercados e novas fórmulas de atracción para clientes e turistas”.

 

O Concello seguirá apostando polo Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

Na súa intervención salientou Tomé Roca que “dende este escaparate do conxunto da Ribeira Sacra, mentres eu sexa Alcalde, imos seguir traballando en colaboración cos adegueiros e coa da Denominación de Orixe, porque traballando en equipo, e sumando esforzos, multiplicaremos os efectos positivos que pretendemos”.

“Dende o Concello de Monforte, o noso compromiso é claro e palpable, de aí que fagamos todo o esforzo necesario para que este certame acade o éxito que merece, porque estamos diante dunha inversión que ano a ano ten o seu retorno na economía de Monforte e da Comarca da Ribeira Sacra, e da que se benefician todos os sectores, especialmente o da hostalería e o comercio, unha inversión que tamén facemos para que a D.O. Ribeira Sacra acade a posición que se merece tanto nos mercados nacionais como internacionais do viño”, indicou o rexedor municipal”.

Cabe destacar que a imaxe deste Festival é cada vez máis importante tanto na provincia de Lugo, como en Galicia e no resto do Estado, segundo se lle transmite ó Concello dende diferentes localidades, administracións e persoas que visitan Monforte.

“Este evento pon o colofón ás magníficas Feiras do Viño que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe e da nosa Comarca. Aunamos así esforzos a prol de ese obxectivo común que é por en valor os nosos viños. Eu sempre digo, que xuntos ofreceremos máis e mellores posibilidades para que a xente que nos visita, quede satisfeita e volva, ou recomende visitar a Ribeira Sacra”, subliñou o rexedor monfortino.

“Estou convencido” concluíu o rexedor monfortino, “de que o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte seguirá sendo un evento de referencia no sur da provincia de Lugo, que nos reunirá cada primeira fin de semana de xullo neste marco incomparable á beira do Cabe”.

E animou a todos os monfortinos e visitantes a participar nel ata o domingo porque “este é un evento para desfrutar o viño, nun ambiente tranquilo, cos amigos, coa familia, ou como crea cada persoa que é máis conveniente dende o punto de vista individual ou colectivo. Por iso, este é o Festival de todos os que amamos o viño da Ribeira Sacra”.

 

Antonio Lombardía Crespo, Pregoeiro oficial da 6ª edición do Festival do Viño

Tras a intervención do Alcalde, tomou a palabra o pregoeiro oficial desta sexta edición, Antonio Lombardía Crespo. Para el tivo unhas palabras o Alcalde na súa intervención: “Quen mellor que un viticultor e adegueiro, que ademais é o Presidente da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, para ser o pregoeiro do noso Festival que tamén é o seu”.

José Tomé destacou que “dende que asumiu a presidencia do Consello Regulador en marzo do ano 2023, Lombardía está a desenvolver un traballo incansable a favor dos viños da Ribeira Sacra. E sendo consciente como é do momento polo que está a pasar o sector, tanto el como o seu equipo están a redobrar esforzos, polo que a súa implicación  queda fora de toda dúbida.”

“Por todo isto, estamos moi satisfeitos de que aceptara ser o pregoeiro do Festival do Viño deste ano, porque non podía haber mellor pregoeiro para esta 6ª edición”, concluíu José Tomé.

 

Ampla presencia de autoridades

Na inauguración oficial e visita ós stands das distintas adegas que conforman esta 6ª edición do Festival do Viño, o Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, estivo acompañado, entre outras autoridades, pola Deputada no Congreso dos Deputados, Patricia Otero, o Secretario Xeral do PSdeG-PSOE, Deputado e Voceiro no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, a Deputada no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, os Deputados e Deputadas provinciais Pilar García Porto, Pablo Rivera, Miguel Fernández e Carlos López,  a Directora Territorial de Lugo de Emprego, Comercio e Inmigración da Xunta de Galicia, Carmen José López, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, o Presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería de Lugo, José Francisco Real, o Presidente da Federación Galega de Comercio e presidente da Federación de Comercio de Lugo, José Mª Seijas, a presidenta do CCU de Monforte, Mari Carmen Núñez, e o presidente do C.R.D.O. Ribeira Sacra, Antonio Lombardía,  xunto a diversos vocais de dito Consello Regulador.

Tamén estiveron presentes a Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, o voceiro do grupo socialista e concelleiro, Ibán Torres, os concelleiros e concelleiras de Sanidade, Pilar Espinosa, de Servizos, José Luis Losada, de Cultura, Marina Doutón, de Deportes, José Manuel Mougán, de Consumo, Regina López e de Muller e Igualdade, Margarita López, a voceira do grupo popular, Katherinie Varela, e os concelleiros José Luis Rodríguez e María Luisa Vázquez, e o voceiro do BNG, Emilio López e o concelleiro Manuel Luaces.

Ó acto inaugural, acudiron alcaldes e alcaldesas da provincia de Lugo: Ferreira de Pantón, José Luis Álvarez,  Sober, Luis Fernández, A Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda,  Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, Quiroga, José Luis Rivera, Paradela, Mª Montserrat Mullet, Bóveda, José Manuel Arias, e Folgoso do Courel, Dolores Castro. Como da provincia de Ourense: de A Teixeira, o concelleiro Roque Méndez, e a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega. Finalmente tamén estiveron presentes representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado, como o Oficial da Policía Local, Néstor Álvarez, así como adegueiras e adegueiros e outras personalidades de Monforte e da comarca de Lemos.

 

Adegas participantes e Zona de gastronomía

As 34 Adegas participantes nesta sexta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, supón a participación máis alta das edicións que se levan celebrado, son:

  1. A Man de Prado
  2. Abadía da Cova
  3. Adega Carqueixa
  4. Adega Vella
  5. Algueira
  6. Alma das Donas
  7. Alouviño
  8. Asolagados
  9. Cardenal R. de Castro
  10. Castrofiz
  11. Cividade
  12. Condado de Sequeiras
  13. Corzoás
  14. Cruceiro
  15. Don Bernardino
  16. Finca Cuarta
  17. Finca Míllara
  18. Galanteiro
  19. Guímaro
  20. Gullufre
  21. Lucenza
  22. Malcavada
  23. Os Cipreses
  24. Pazo de la Cuesta
  25. Petrón
  26. Peza do Rei
  27. Ponte da Boga
  28. Rectoral de Amandi
  29. Regina Viarum
  30. Santa Mª de Nogueira
  31. Tear
  32. Tolo do Xisto
  33. Vía Romana
  34. Viña Vella

Ademais, o Festival conta cunha Zona de Gastronomía que contribuirá a acompañar mellor a degustación dos viños. Este ano auméntouse o número de stands diversificándose a súa oferta. Son un total de 12 participantes nesta edición, con respecto ós 10 da edición anterior, repartidos por todo o recinto, e ofrecerán produtos da zona, dende queixos, postos de xamón, xeados artesáns, panaderías ata racións máis elaboradas feitas por restaurantes de Monforte de Lemos.

Os integrantes desta zona gastronómica son:

  1. Queso negro Buleri
  2. Lácteos Ribeira Sacra
  3. Embutidos Valentina
  4. Xamóns D. Francisco
  5. Xamóns Roberto
  6. Helados Xeou
  7. Panadería Fernández
  8. Panadería La Luna
  9. Restaurante Aquelarre
  10. Restaurante El Hórreo
  11. Restaurante Galicia
  12. Tres Fuciños Porco Celta

 

Programa musical

As actuacións musicais son outro dos piares do festival, e ó igual que o ano pasado, terán lugar no propio recinto do Festival. O Paseo do Malecón acollerá 3 actuacións musicais os días 5 e 6 de xullo.

O venres 5 de xullo, a inauguración oficial, abriu coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ás 20:30 h.

Tocaron o Himno do Antigo Reino de Galiza, o Himno Galego e o Himno Antergo, dirixidos por Xosé Lois Foxo, quen, unha vez rematada a actuación, recibiu do Alcalde un agasallo conmemorativo, consistente nunha réplica da Torre da Homenaxe.

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que xa participou noutras edicións deste Festival, difunde e prestixia a gaita como instrumento senlleiro nacional de Galicia, levando o espírito do noso pobo a tódolos currunchos do planeta.

Tamén, hoxe venres ás 11 da noite, tocarán os Gin Toni’s, banda divertida, apaixonada e elegante que cada noite logra unha conexión incrible co público dos seus concertos. Fan versións das mellores cancións do Pop e do Rock españois dende os anos 80 ata a actualidade. O seu repertorio está cheo de cancións coñecidas que nos transportarán ás Décadas de Ouro da música española.

O sábado 6 de xullo ás 23:00 h., será a quenda dun grupo monfortino de referencia, Malenne, que cada vez está acadando maiores éxitos grazas ó seu directo espectacular. O seu repertorio inclúe as versións máis coñecidas do pop español e do indie rock.

 

Talleres de cata de viños da D.O. Ribeira Sacra e Masterclass

Nesta edición o Executivo de José Tomé ideou dous obradoiros de cata con diferente perfil:

O sábado 6 de xullo, de 11:30 a 13:00 h., terá lugar o obradoiro práctico e sensorial “Enológo por un día na Ribeira Sacra” a cargo de Iván Olmedo, membro de Asociación Galega de Enólogos.

O domingo 7 de xullo, no mesmo horario, celebrarase o obradoiro sensorial “Descobre… Suelos Ribeira Sacra: Pizarra vs. Granito” a cargo de David Pascual, enólogo e presidente da Asociación Galega de Enólogos.

Debido ó grande éxito de participación que tivo o ano pasado a Masterclass, este ano ampliase a dúas sesións, que estarán impartidas por Isabel Lozano e Roberto Gándara da Asociación de Sumilleres de Galicia.

Ambas sesións serán en horario de 13:30 a 15:00 h.: O sábado 6 de xullo terá lugar a masterclass titulada “Viños do Vello Mundo que recordan a Ribeira Sacra” e o domingo 7, “Terriña: suelo, clima, variedades e elaboración na Ribeira Sacra”.

Todos os obradoiros e masterclass son gratuítos e faranse na zona acondicionada como Sala de Catas dentro do recinto do Paseo do Malecón. Pero como o número máximo que poden participar en cada un deles é de 30 persoas, é necesario facer reserva previa no teléfono 621 40 34 88 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.

 

Programa infantil

O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte contará, como estes anos, con actividades infantís, pois este é un Festival dirixido ás familias, nos que os nenos tamén teñen presencia neste Festival.

Para elo, acondicionarase unha zona á beira do Rio Cabe para que os máis cativos podan desfrutar de diferentes obradoiros.

O sábado 6, de 12:30 a 13:30, terá lugar o Contacontos a cargo de Anxo Moure. E de 19:30 a 20:30 h. Títeres a cargo da compañía Tarabelos.

O domingo 7, de 12:30 a 14:00 h. un Obradoiro de olería tradicional da Ribeira Sacra a cargo de Figulus. E de 19:30 a 20:30 h. un Showcooking impartido por Velaísca Animación.

 

Vinorutas polo Sil e o Miño

E Executivo de José Tomé segue apostando polas Vinorutas. As dúas que se ofertan este ano, permitirán desprazarse ós que se anoten nelas ata o lugar de orixe dos viños de Ribeira Sacra, onde poderán contemplar os viñedos e os ríos que bañan as ladeiras así como diferentes adegas. Unha experiencia única para sentir a vertixe da nosa "viticultura heroica".

Todas as Vinorutas partirán do Parque dos Condes, onde nun microbus cun guía profesional levará os anotados ata os enclaves protagonistas destas rutas, sendo necesario facer reserva previa no teléfono 621 40 34 88 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.

A Vinoruta do Sil, Quads pola Ribeira do Sil terá lugar o sábado 6 de xullo, con saída ás 9:30 h e consistirá en facer unha ruta de medio día en Quad.

Cada quad ten 2 prazas e iremos acompañados por un monitor en todo momento. Visitaranse miradoiros sobre o Canón do Sil, achegarase ó Lago de Rosende, baixarase á Fervenza de Portizó e terán lugar visitas guiadas a dúas adegas dentro da D.O. do Viño Ribeira Sacra, a adega Malcavada en Rosende e a adega A Man de Prado en Bolmente.

Esta Vinoruta ten un prezo de 55€ por persoa.

O domingo 7 de xullo, a Vinoruta do Miño, Coñecendo a Ribeira do Miño en Zodiac, permitirá coñecer a ribeira do Miño en Zodiac. Saíndo ás 9:45 h., comezará coa visita á adega Abadía da Cova no “Cabo do Mundo”. A continuación irase á praia da Cova para facer un percorrido en zodiac e ver os viñedos en terrazas desta Viticultura de Montaña. Farase unha parada na Fervenza de Augacaída de 30 metros de altura. A continuación desembarcarase na fermosa vila de Belesar para ir á adega Vía Romana e degustar os seus viños.

Esta Vinoruta ten un prezo de 40€ por persoa.

 

Horarios do Festival do Viño de Monforte 2024

Os horarios de apertura e peche dos stands deste Festival do Viño, que se amplían un pouco con respecto ó ano pasado, serán:

  • O venres 5 de xullo de 7 da tarde (19:30 h) á 1 da mañá, sendo á inauguración a partir das 20:30 horas.
  • O sábado 6 de xullo, de 11 da mañá a 3 da tarde (15:00 h), e das 7 da tarde (19:00 h) ás 1 da mañá.
  • E o domingo 7, de 11 da mañá a 3 da tarde (15:00 h) e das 7 da tarde (19:00 h)  ás 12 da noite.