Monforte de Lemos, 2 de agosto de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, inauguraron na mañá de hoxe unha escollera en Rioseco, dando por finalizadas as obras de reparación dun derrubo do muro de contención que se produciu durante o pasado inverno, á altura da pasarela peonil de Rioseco.
O Alcalde explicou que debido a que para o Concello non era fácil poder acometer as obras, e dada a urxencia da reparación, solicitouse a colaboración á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, “á cal o presidente foi sensible, porque era necesario solventar un problema que podería seguir estendéndose á rúa”.
José Tomé salientou e agradeceu ó presidente da Confederación, “a rapidez coa que se actuou”, xa que ademais, explicou que a zona na que se sitúa a actual pasarela peonil será por onde pasará a nova ponte que se construirá na nova urbanización, dentro do proxecto de eliminación dos pasos a nivel de Rioseco e Juan Montes, de cuxas obras anunciou o Alcalde o inicio a finais de agosto-principios de setembro deste ano.
Esta nova ponte conectará todo o barrio de Rioseco coa rotonda que pase por debaixo da vía, “de aí, a importancia de que esta nova escollera estivera feita e solvente para que aguante para o futuro o paso de vehículos por esta zona, unha zona que será un punto neurálxico e estratéxico unha vez finalizadas as mencionadas obras de supresión dos dous pasos a nivel”, explicou o Alcalde.
O Presidente da CH do Miño-Sil indicou que a obra tivo unha duración de 5 semanas, e contou cun investimento de 44.000€.
A obra consistiu na reconstrución da escollera ubicada nesta zona, ó longo de 20 metros de lonxitude, con 3,5 metros de altura. Instalouse unha manta que contén sementes de céspede, para evitar que as terras se despracen unha vez creza dito céspede. Coa obra estabilízase esta zona de ribeira de maneira definitiva e mellórase a capacidade de desaugue do regato.
O presidente tamén incidiu na premura levada a cabo no que se refire á execución das obras, “sendo conscientes de que de non facelo así o deterioro ía ir a maiores, e provocar unha inversión moito maior”.