Monforte de Lemos, 6 de agosto de 2024. O Alcalde informa aos monfortinos e monfortinas da posta en marcha dende este mércores día 7 de agosto, do dispositivo especial de tráfico que vai a levar a cabo a Policia Local de Monforte, co motivo da celebración das Festas Patronais entre os días 11 e 16 de agosto.
A Policía Local de Monforte, elaborou un amplo e completo dispositivo que regula tanto o tráfico da cidade como as zonas de aparcamento, para facilitar a circulación de vehículos durante os dias que se realicen os traballos de preparativos para as Festas Patronais, os días de celebración das mesmas e os días posteriores, nos que se realizan os traballos de desmontaxe das atraccións e palcos musicais.
Tal e como se desprende do informe da Policía Local, as actuacións en materia de tráfico que se levarán a cabo, son as seguintes:
Primeira. Peche do estacionamento do Parque dos Condes.
Por ser necesario para albergar as principais barracas e atraccións das festas, procederáse ao peche do estacionamento no Parque dos Condes dende ás 23:00 horas do mércores día 7 de agosto ata a completa desmontaxe das citadas instalacións, que previsiblemente será o sábado 17 pola tarde ou a madrugada do domingo 18 de agosto.
Como alternativa, ademais de manter aberto o aparcamento existente na rúa Sarria, abrirase ao público un solar sito en rúa Francisco Moure, pasando o paso a nivel, que estará dispoñible ata a finalización das festas e reapertura do anterior, e instalarase sinalización orientativa da súa ubicación.
Segunda. Supresións do estacionamento.
Para permitir a montaxe das barracas e postos das festas, dende o xoves día 08 de agosto, incluído, ata a finalización das festas e desmontaxe das atraccións, suprimirase o estacionamento en rúa Compañía, pola marxe dereita no tramo fronte a “As Casitas”, e en ambas marxes no resto ata o Paseo de Lugo.
Igualmente, desde as 14.00 horas do venres 09 de agosto, incluído, suprimirase o estacionamento na marxe dos pares da rúa Dalmiro de la Valgoma, a cal permanecerá habilitada como vía de dobre sentido de circulación durante todos os días das festas.
Terceira. Cortes de tráfico.
Rúa da Compañía:
O tramo dende a bifurcación con rúa Moure ata o Paseo de Lugo (frente ós quioscos e cafeterías) pecharase o venres día 9 dende as 14:00 horas ata a finalización da desmontaxe e retirada das atraccións, que se estima que será o sábado día 17 ó longo do día. Permitirase o paso de vehículos para distribución de mercadorías e servizo domiciliario de residentes en horario de 8:00 a 13:00 horas sen que poidan permanecer estacionados mais tempo do imprescindible para a realización de ditas tarefas.
Desde o día 11 ó 16 de agosto, ambos incluídos, desde ás 18:00 horas ata a finalización das actuacións, que se estiman aproximadamente ás 04:00 horas, o tráfico estará cortado na súa totalidade na rúa Compañía, así como no tramo de Escultor Francisco Moure que vai desde o seu inicio ata a confluencia coa rúa Sarria.
Nese horario, o tráfico procedente do centro cidade será cortado na glorieta de Puente Fontecha e desviado por Roberto Baamonde – Av. Galicia – rúa Sarria/Celso Emilio Ferreiro e para acceder a Carude e A Pinguela seguirá por rúa Dalmiro de la Valgoma que estará en dobre sentido de circulación, polo que se suprimirá o estacionamento na marxe dos pares, e o que circule por rúa Escultor Francisco Moure será cortado a altura da rúa Sarria e desviarase por esta e por Av. Galicia, ata rúa do Conde ou Roberto Baamonde.
O xoves día 15 de agosto, o tráfico de subida ao conxunto monumental de San Vicente desde o Campo da Virxe estará cortado desde as 10:00 h. ata a finalización dos actos de misa e ofrenda floral que se estima será sobre as 13:00 horas e dende as 23:30 horas ata a finalización do lanzamento dos fogos artificiais que se estima será sobre as 00:45 horas. Tamén se prohibirá o estacionamento na subida.
O venres día 16 de agosto, desde as 23:00 h ata a finalización dos fogos do río, que se prevé sobre a 01:00 da madrugada do día 17, estará cortado o tráfico as rúas Doctor Casares dende o cruce de S. Pedro en sentido centro da cidade, o Paseo do Malecón completo, así como na Ponte Vella e nas rúas de acceso a esta (Méndez Casal desde Campo de San Antonio) e Santa Clara desde o enlace con rúa Corredoira.
Igualmente, todas as datas das festas pecharase a rúa Duquesa de Alba entre ás 00:00 e as 08:00 h.
Todos os horarios e datas son orientativos, podendo ser modificados en función das necesidades que xurdan durante a celebración das Festas Patronais. En todo caso, instalarase sempre a sinalización correspondente.
O Equipo de Goberno quere solicitar e agradecer a colaboración aos cidadáns que se poidan ver afectados polas medidas que se adoptarán durante os dias que dure o dispositivo de tráfico das Festas Patronais de Monforte.