-José Tomé Roca recibiu ós 5 piragüistas do Club Quixós que participaron e acadaron importantes éxitos no Campionato de Europa de Augas Bravas Junior e Sub-23, celebrado en Dallenwil (Suiza) do 3 ao 6 de xullo de 2024.
-O Alcalde, en nome de todos os monfortinos, felicitou aos deportistas asistentes e agradeceu os éxitos acadados, “pois serven para que Monforte estea moi ben representado na elite do deporte español, europeo e mundial”.
-Os cinco deportistas pecharon un gran campionato no que destaca a medalla de bronce de Noa Díaz Quintián e Ximena Prats Moreiras na modalidade C1 patrullas e na modalidade clásica C2.
-O rexedor monfortino tamén fixo entrega dun trofeo conmemorativo para o Clube, que recolleu o presidente do Quixós, Iván Gutiérrez, e o seu director deportivo, Santi Díaz.
-O Alcalde recordou que “dende o Equipo de Goberno contamos cunha liña de axudas dotada con 12.000 euros, e destinadas a axudar ós clubs monfortinos que participen en campionatos de España, de Europa ou do Mundo durante o ano 2024”.
Monforte de Lemos, 6 de agosto de 2024. A tarde deste luns, 5 de agosto, serviu para que o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, en nome de todos os monfortinos e monfortinas, homenaxeara ás 19:00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello ós 5 deportistas do Club Quixós de piragüismo, polos excelentes resultados que acadaron no Campionato de Europa de Augas Bravas Junior e Sub-23, celebrado en Dallenwil (Suiza) do 3 ao 6 de xullo de 2024.
Os cinco deportistas pecharon un gran campionato no que destaca a medalla de bronce de Noa Díaz Quintián e Ximena Prats Moreiras na modalidade C1 patrullas e na modalidade clásica C2. Os outros tres deportistas homenaxeados que tamén participaron neste campionato foron Efrén Álvarez Vázquez, Gabriel Rodríguez López e Jacobo Rodríguez López.
No acto de recoñecemento, o Alcalde estivo acompañado polos 5 deportistas homenaxeados, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, o técnico de Deportes, Óscar Rodríguez, así como familiares e representantes do Club Quixós de piragüismo. Os atletas recibiron un trofeo individual personalizado en recordo dos éxitos acadados en cada caso.
O rexedor monfortino tamén fixo entrega dun trofeo conmemorativo para o Clube, que recolleu o presidente do Quixós, Iván Gutiérrez, e o seu director deportivo, Santi Díaz. Pola súa parte, os deportistas do Quixós fixéronlle entrega ó Alcalde dun obsequio de agradecemento polo apoio ó Club demostrado durante estes anos que consiste nun póster enmarcado con fotografías dos deportistas no Campionato de Europa e asinado polos participantes do Clube Quixós. Tomé recibiu emocionado este fermoso recordo dos atletas con momentos tan especiais da competición.
Os resultados completos nas diferentes probas foron os seguintes:
Noa Díaz Quintián:
- Clásica K1: 21ª
- Clásica C2: 3ª
- Patrullas clásica K1: 8ª
- Patrullas clásica C1: 3ª
- Sprint K1: 10ª
- Sprint C2: 4ª
- Patrullas sprint C1: 4ª
- Patrullas sprint K1: 7ª
Ximena Prats Moreiras:
- Clásica K1: 30ª
- Clásica C2: 3ª
- Patrullas clásica C1: 3ª
- Sprint C2: 4ª
- Patrullas sprint C1: 4ª
Efrén Álvarez Vázquez:
- Clásica C1: 17º
- Clásica K1: 43º
- Patrullas clásica K1: 9º
- Patrullas sprint K1: 8º
Gabriel Rodríguez López:
- Clásica K1: 34º
- Patrullas clásica K1: 10º
- Patrullas sprint C2: 10º
Jacobo Rodríguez López:
- Clásica K1: 42º
- Patrullas clásica K1: 9º
O Alcalde, en nome de todos os monfortinos, felicitou aos deportistas asistentes e agradeceu os éxitos acadados, “pois serven para que Monforte estea moi ben representado na elite do deporte español, europeo e mundial”.
Por outra banda, o Alcalde tamén recordou que “dende o Equipo de Goberno puxemos en marcha no ano 2022 unha liña de axudas dotada con 12.000 euros, e destinadas a axudar ós clubs monfortinos que participen en campionatos de España, de Europa ou do Mundo”.
“Esta liña de axudas é independente da subvención nominativa que cada club ten asignada, e o obxectivo da mesma e contribuír a sufragar os gastos que lle supón a un club deportivo clasificarse para unha competición fora da Comunidade Autónoma e incluso fora de España e de Europa”, explicou o rexedor monfortino.
José Tomé concluíu o acto, animando ós deportistas a que “sigan traballando para acadar novos éxitos para o deporte monfortino, e agradeceu o apoio das súas familias, que tamén son peza fundamental na consecución destes logros”.