O Alcalde visita Artelemos e comproba a satisfacción dos artesáns que participan na Mostra

-José Tomé Roca, acompañado por diversos membros do Equipo de Goberno, visitou hoxe ás 11 da mañá Artelemos para saudar ós artesáns que participan na mostra.

-O Alcalde que percorreu os stands un por un, intercambiou impresións cos artesáns e interesouse polas valoracións tan positivas que os participantes da Mostra fan de Artelemos.

-Esta mostra de artesanía conta coa presencia de 30 artesáns, procedentes da comarca de Lemos, doutros puntos de Galicia e tamén doutras zonas de España. Os artesáns, coinciden en subliñar a súa satisfacción polo desenvolvemento do certame e pola afluencia de público, que aumenta ano a ano, para coñecer os seus produtos.

-“Este ano o certame durará seis días, un día máis do habitual, pois nos últimos anos a duración era de cinco días, pero ante o éxito das vendas e o interese dos artesáns este ano, ó igual que en 2023, dende o Equipo de Goberno decidimos ampliar os días de celebración do mesmo ata o sábado 10 de agosto” recordou o Alcalde.

-Ademais do espazo expositivo destinado ós artesáns, a mostra conta cunha zona polivalente dende a que se levan a cabo obradoiros para nenos e nenas así como públicos de todas as idades, elaboración de produtos artesanais en directo, e mostras de oficios tradicionais.

 

Monforte de Lemos, 7 de agosto de 2024. O Alcalde do Concello de Monforte, José Tomé Roca, visitou na mañá de hoxe a XXIV Mostra de artesanía Artelemos 2024, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López e a Técnico de Desenvolvemento Local do Concello, Mª Trinidad López .

Na visita o Alcalde quixo saudar a todos os artesáns e compartir impresións sobre o desenvolvemento da Mostra e o grado de satisfacción que teñen coa participación neste certame que xa se converteu nun clásico para a maioría deles. Tal e como lle explicaron os artesáns a Tomé, coinciden en valorar moi positivamente a organización da Mostra así como aasistencia de público que consideran que vai en aumento ano a ano coa presenza cada vez de mais turistas.

Unha gran parte dos participantes repiten a experiencia de expoñer a súa artesanía en Artelemos porque tal e como lle explicaron a Tomé a experiencia de anos pasados foi moi positiva e cada edición se suma mais xente interesada non so polos produtos que elaboran, senón tamén polas técnicas que empregan para a súa elaboración. O Alcalde mostrouse encantado polo grado de satisfacción dos artesáns e agradeceulles a súa participación neste certame que contribúe a dinamizar Monforte, a Comarca de Lemos e a Ribeira Sacra.

Esta mostra, que se celebra na rúa Cardenal de Monforte de Lemos dende o luns 5 e ata o sábado 10 de agosto convértese, como cada ano, na antesala das Festas Patronais da cidade, dentro do Programa Cultural de Verán do Concello.

En Artelemos 2024 participan de 30 profesionais da artesanía, o mesmo número que o alcanzado en 2023, e que é o número máis alto de participantes dos últimos anos, procedentes da comarca de Lemos, así coma outros puntos de Galicia e de España.

O Concello aposta especialmente por unha Mostra de artesanía que o Equipo de Goberno recuperou no Nadal do ano 2015, tras anos de ausencia, dende que desaparecera a Fundación Comarcal Terra de Lemos, que a organizou entre os anos 1996 e 2011. Dende o ano 2015, Artelemos celebrase tódolos anos cun aumento progresivo de participantes e artesáns que avalan este tipo de eventos, e mostra delo é a ampliación, nun día máis, do calendario deste ano.

O horario durante os 6 días que durará a XXIII Mostra Artelemos será, pola mañá, de 10 a 14 horas, e pola tarde de 18 a 22 horas.

Ademais, o programa inclúe demostracións, que se desenvolverán de 12 a 14 horas, e de 19 a 21 horas.

XXIV Artelemos, unha mostra consolidada que aposta pola artesanía de calidade

Artelemos é o escaparate dos pequenos obradoiros artesanais que están a traballar no noso territorio rural, espallados por toda a xeografía galega, e que gardan a identidade de oficios tradicionais conxugándoa con tendencias actuais.

“Con esta Mostra”, recordou o Alcalde, “contribuímos a dinamización dos oficios e dos produtos artesanais locais, o que nos serve tamén para reforzar a promoción turística tanto de Monforte, como da comarca de Lemos e a Ribeira Sacra no seu conxunto”.

Os 30 profesionais da artesanía que conforman esta edición de 2024, son provintes da  comarca de Lemos, así coma outros puntos de Galicia e de España. En concreto, as procedencias son:

25 artesáns e artesás de Galicia e 5 de outros puntos de España:

  • 10 artesáns das provincia de Lugo, sendo 2 de Monforte de Lemos, 2 de Sober, 2 de A Pobra de Brollón, e 1 de Taboada, Quiroga, Antas de Ulla y Lugo cidade.
  • 7 artesáns da provincia de A Coruña: 1 de Sada, Teo, Ordes, Rois, Noia, Santiago e Oroso.
  • 5 artesáns da provincia de Pontevedra: 2 de Vigo e 1 de Marín, Moaña e Arcade- Soutomaior.
  • 3 artesáns da provincia de Ourense: 1 de Barbadás, A Teixeira e Ourense cidade.
  • 2 artesáns da provincia de León, procedentes de Ponferrada.
  • 2 artesáns da provincia de Murcia, das localidades de La Alberca e Cartagena
  • 1 artesán da provincia de Toledo, do concello de Ciruelos.

O obxectivo de Artelemos é achegar a artesanía local á xente na rúa, unha artesanía tradicional, e tamén máis moderna, cunha ampla variedade de disciplinas artesanais que os clientes esperan atopar: como ourivaría, cestería, coiro, vidro, olería de Gundivós, cerámica, papel e madeira, entre outras. En definitiva, unha inmellorable ocasión para atopar pezas únicas e de gran calidade, xa que todos os artesáns participantes contan con acreditación profesional.

Tamén haberá diferentes obradoiros para cativos/as coma se pode ver no programa de cada día. Estas actividades, que son un complemento á propia Mostra, organízanse ano a  ano porque sempre acadaron un notable éxito entre o público asistente.

O Alcalde anima a “todos os monfortinos e monfortinas, así como as persoas que nos visitan nestes días de verán, a que se acheguen a visitar esta 24 edición de Artelemos no Cardenal, e que se aposten polos produtos artesáns que alí se atoparán, que contan con todas as garantías de fabricación e de calidade. Porque apostar polo artesanal significa apostar polos nosos artesáns, polo produto local de calidade, polo noso medio rural, polas nosas tradicións, en definitiva, pola nosa arte e a nosa cultura”.

Programación 24ª Mostra Artelemos 2024

 

 

Mércores 7 de agosto:

10:00 h.- Apertura de stands de venda.

12:00 a 14:00 h.- Obradoiro de Barro para nenos/as. Artesá: Amparo Escrich. 18:00 h.- Apertura de stands de venda.

19:00 a 21:00 h.- Obradoiro de Barro para nenos/as. Artesá: Amparo Escrich. 22:00 h.- Peche dos stands.

 

Xoves 8 de agosto:

10:00 h.- Apertura de stands de venda.

12:00 a 14:00 h.- Obradoiro de Cestería. Artesá: Luisa Martínez. 18:00 h.- Apertura de stands de venda.

19:00 a 21:00 h.- Obradoiro de Cestería. Artesá: Luisa Martínez. 22:00 h.- Peche dos stands.

 

Venres 9 de agosto:

10:00 h.- Apertura de stands de venda.

12:00 a 14:00 h.- Demostración Olería de Gundivós. Artesán: Elías González. 12:00 a 14:00 h.- Obradoiro de Coiro. Artesá: Lucia Casado.

18:00 h.- Apertura de stands de venda.

19:00 a 21:00 h.- Demostración Olería de Gundivós. Artesán: Elías González. 19:00 a 21:00 h.- Obradoiro de Coiro. Artesá: Lucia Casado.

22:00 h.- Peche dos stands.

 

Sábado 10 de agosto:

10:00 h.- Apertura de stands de venda.

12:00 a 14:00 h.- Obradoiro de Bixutería con reciclaxe de papel. Artesá: Rosario Remo. 18:00 h.- Apertura de stands de venda.

19:00 a 21:00 h.- Obradoiro de Bixutería con reciclaxe de papel. Artesá: Rosario Remo. 22:00 h.- Peche dos stands.