A Tenente de Alcalde de Monforte inaugura, en nome do Alcalde, a xuntanza de palilleiras máis multitudinaria da provincia de Lugo, con 400 participantes provintes de toda Galicia, Madrid e Castela e León

Monforte de Lemos, 7 de setembro de 2024. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, foi a encargado de inaugurar na mañá de hoxe o “III Encontro de Palilleiras de Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra”, ubicado na explanada da Compañía.

No acto inaugural, non puido estar presente por motivos de axenda o Alcalde, José Tomé Roca. Deste xeito, na inauguración Gloria Prada estivo acompañada pola presidenta da Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra, Sesé Vila, os concelleiros e concelleiras de Cultura, Marina Doutón, Sanidade, Pilar Espinosa, Muller e Igualdade, Margarita López, Consumo, Regina López, Deportes, José Manuel Mougán, así como diversos membros da Corporación municipal.

Na súa intervención, a Tenente de Alcalde deu á benvida ás 400 palilleiras, procedentes de 30 asociacións, vidas de todos os puntos de Galicia, así como Toral de los Vados o Bembibre, así como ós 12 comerciantes especializados, provintes de distintos puntos de Galicia, Madrid ou Burgos, que conforman a zona de venta deste encontro, e que ofrecen exclusivamente produtos para palillar.

A organización desta gran xuntanza de palilleiras foi unha idea que xurdiu entre o Concello de Monforte e a Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra, e que estaba previsto celebrar no ano 2020. Daquelas, estaba practicamente todo ultimado para que se levara a cabo este encontro, pero a incidencia da pandemia impediuno, e obrigou a pospoñelo ata o ano 2022 en que finalmente si puido ser celebrado, e que supuxo todo un éxito tanto de participación de palilleiras como de público asistente, algo que volveu a acontecer na edición de 2023.

A Tenente de Alcalde resaltou que o obxectivo perseguido coa organización deste Encontro “é amosar e por en valor a arte de palillar” e engadiu que “cremos que Monforte é o sitio idóneo, dentro do interior de Galicia e no sur da provincia de Lugo, para celebrar un gran evento coma este, tendo en conta a repercusión mediática que ten Monforte de Lemos, como capital da Ribeira Sacra, e a propia Ribeira Sacra, dentro e fora de Galicia”.

Neste senso, Gloria Prada resaltou o  importante impacto económico e de promoción turística que o evento xerará no Concello e na Ribeira Sacra, “evento que dinamizará sen dúbida sectores coma o noso comercio ou a nosa hostalería. Ó turismo, en definitiva.”

A Tenente de Alcalde aproveitou a ocasión para animar ás participantes a coñecer Monforte e a Ribeira Sacra, enunciándolles no seu discurso os principais atractivos turísticos desta zona, pois “son actualmente un dos destinos turísticos máis solicitados da nosa Comunidade, que están de moda, e como di o noso Alcalde, Monforte e a Ribeira Sacra son un anaco do Paraíso no interior de Galicia.”

Tamén recordou Prada que “seguimos a traballar sen descanso para que a Ribeira Sacra poida acadar en 2026 ser Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Todo evento que levemos a cabo, coma este, para amosar a riqueza e o valor da nosa terra, contribúe sen dúbida a reforzar esta candidatura”.

A representante municipal concluíu a súa intervención animando ás palilleiras a participar nunha vindeira edición deste Encontro en Monforte, en 2025.

A continuación da intervención da Tenente de Alcalde, tivo lugar a actuación do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte, co obxectivo de darlles ás participantes a benvida ó Encontro e á cidade. E tras esta actuación, a primeira Tenente de Alcalde fixeron entrega dun agasallo institucional ás mestras palilleiras presentes na mostra, que este ano son 30.

Do mesmo xeito, dende a Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra tamén se levou a cabo a elaboración dun detalle conmemorativo do encontro, que inclúe un encaixe de cores, que será entregado a cada participante ó longo do día.

As localidades de procedencia das palilleiras protagonistas deste encontro son Arteixo, Vigo, Lugo, Ourense, Boiro, Sada, Oleiros, A Coruña, Sarria, Silleda, Valga, Monterroso, Vilanova de Arousa, Viveiro, Burela, Xove, Vimianzo ou Camariñas, así como Monforte de Lemos. Tamén virán palilleiras provintes de dous concellos de Castela e León: Toral de los Vados e Bembibre.

Ademais dos postos destinados ás palilleiras que acudiron a este encontro, tamén se contou cunha zona específica destinada á venta exclusiva de produtos para utilizar na arte de palillar, conformada por 12 tendas especializadas, provintes de diferentes puntos de Galicia, así como León, Burgos ou Madrid.

 

O PROGRAMA do sábado día 7 de setembro é o seguinte:

Explanada da Compañía de Monforte:

10:30 h.- Recepción das palilleiras

11:00-14:00 h.- Palillada

12:00 h.- Inauguración da xuntanza de palilleiras a cargo da Tenente de Alcalde de Monforte. A continuación, actuación do Grupo de Gaitas za do Concello de Monforte, e entrega de agasallos institucionais ás mestras palilleiras.

14:00 h.- Xantar

16:30 h.- Palillada

17:00 h.- Sorteo de agasallos

19:00 h.- Despedida