Monforte de Lemos, 13 de setembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa acerca do dispositivo de tráfico posto en marcha polo Concello de Monforte con motivo da celebración da terceira edición da Carreira e Andaina, Monforte en Marcha contra o Cancro que se celebrará este domingo 15 de setembro na cidade do Cabe.
A carreira iniciarase ás 12 do mediodía e prevese unha duración dunhas dúas horas como máximo.
Esta carreira popular e urbana, é de carácter benéfico contará con categorías masculina e feminina cun primeiro, segundo e terceiro premio para cada unha.
Percorrido e cortes de rúas ó tráfico de vehículos
Cun percorrido de 5 quilómetros, a saída terá lugar dende a Explanada da Compañía, seguirá pola rúa Compañía, dirección Paseo de Lugo, seguirá por esta, a continuación por rúa Carude completa, San Lázaro e desde o paso a nivel volverá dirección centro cidade por rúa Reboredo, rúa Dalmiro de la Valgoma e rúa Escultor Francisco Moure (van ata as proximidades do paso a nivel). A continuación o circuíto baixará por rúa Compañía ata a glorieta de entrada ó Parque dos Condes pola metade da calzada máis próxima aos edificios, xirará na glorieta e subirá pola metade máis próxima ás Casitas, ata introducirse de novo na Explanada, onde está a meta. Os e as participantes darán dúas voltas a este percorrido.
Deste xeito, todas as rúas indicadas estarán cortadas ó tráfico de vehículos durante o desenvolvemento da carreira o propio domingo 15 de setembro, dende aproximadamente as 11:45 h ata a finalización da mesma, que se estima entre as 13:00 e as 13:30 horas.
O Concello colabora activamente na III Andaina e Carreira “Monforte en marcha contra o Cancro”
O Equipo de Goberno colaborou activamente coa Asociación contra o Cancro no deseño do percorrido desta carreira, que vimos de detallar, no que participaron tamén tanto o Técnico de Deportes como a Policía Local.
Ademais, para o desenvolvemento desta carreira, dende o Concello tamén se proporcionará o servizo de ambulancia, e levarase a cabo a colocación das vallas necesarias para delimitar o circuito deseñado para a mesma.
A Policía Local colaborará no corte e vixiancia do tráfico daquelas rúas polas que transcorra a carreira, velando tamén pola seguridade dos e das participantes.
“É dicir” salienta o Alcalde, “dende o Concello colaboramos nesta iniciativa poñendo á disposición dos organizadores toda a maquinaria técnica e organizativa necesarias para que a carreira e andaina resulten todo un éxito, algo do que estamos seguros que así será”.
Colaboración constante do Equipo de Goberno coa Asociación Española Contra o Cancro
Cabe salientar tamén a colaboración constante do Concello de Monforte coa Asociación Española contra o Cancro na provincia de Lugo: “Dende o Equipo de Goberno somos sensibles coa importantísima labor que desenvolve a Asociación Contra o Cancro en Monforte, e desde un primeiro momento levamos a cabo una colaboración estreita coa mesma, que se traduce na cesión de 3 locais para dita asociación, desde os que atenden a enfermos e familiares relacionados con esta enfermidade”, subliña José Tomé.
Do mesmo xeito, o Concello participa e colabora en todas cantas actividades desenvolven na nosa cidade, “algo que seguiremos facendo, porque o meu compromiso e colaboración como Alcalde coa Asociación contra o Cancro é firme e constante, xa que desenvolve unha importante labor de investigación e asesoramento en relación con esta enfermidade”.